Denuncian un aumento de roubos nas aldeas durante a corentena

O sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) pide á Delegación do Goberno en Galicia que se incremente a vixilancia no rural.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2020 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

O sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) denunciou que no rural galego está a producirse un incremento dos roubos coincidindo coas limitacións de movementos derivadas do estado de alarma e pediu á Delegación do Goberno en Galicia que se incremente a vixilancia nas aldeas.

Nun comunicado remitido aos medios, a organización sindical asegura que estes delitos teñen por obxectivo os alpendres ou cortellos que se atopan a certa distancia dos núcleos habitados, polo que a ausencia de veciños preto, facilita a comisión do delito.

A organización asegura recibir na súa rede de oficinas constantes queixas por parte dos afiliados polos recorrentes roubos de apeiros e gañado nalgunhas aldeas e pobos. O sindicato vincula a problemática á menor presenza de persoas no espazo público que, segundo indica, "provoca que os delincuentes se sintan máis seguros nas súas actividades ilegais".

Unións Agrarias explicou que trasladou a cuestión ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, co obxectivo de que se reforcen as patrullas rurais e se adapten os protocolos de protección á situación de confinamento.

O sindicato, que trasladada o seu apoio polo gran traballo e a dedicación das forzas e corpos de seguridade, pide maior vixilancia nos pobos e aldeas para evitar que os agricultores e gandeiros perdan maquinaria, colleitas ou animais tendo en conta a situación económica na que se atopan.

Aldea dos Pretos, en Vilalba
Aldea dos Pretos, en Vilalba | Fonte: Eliseo Trigo. EFE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta