Galicia retoma o luns o proceso de admisión de alumnado e a presenza da directiva nos centros

Os sindicatos reclaman medidas e protocolos "claros" para o regreso ás aulas, tanto de seguridade como de número de alumnos por aula.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2020 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

O sistema educativo vai retomando os prazos administrativos de cara ao novo curso escolar. O vindeiro luns a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional reabrirá o proceso de admisión de alumnado e reinstaurará a presenza obrigatoria dalgún membro do equipo directivo nos centros.

Esta é algunha das medidas aprobadas polo Centro de Coordinación Operativa e que o Diario Oficial de Galicia publica este luns. O departamento dirixido por Carmen Pomar considera "necesario" restablecer o prazo de presentación de solicitudes e adaptar as fases posteriores, para que o alumnado teña asegurada a súa praza e os centros poidan arrincar "con normalidade" a preparación do curso.

Este período de admisión afecta o alumnado de nova entrada no sistema educativo e aquelas familias que desexen cambiar os seus fillos de centro e trátase dun proceso diferente á matriculación ordinaria, que terá que formalizarse posteriormente e nun prazo diferente.

A administración restablecerá o prazo a partir do luns para a presentación destas solicitudes de admisión para 2º ciclo de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato, e estenderase polo tempo que restaba no momento no que se declarou o estado de alarma.

O proceso, entón, xa dera comezo e algunhas familias xa remitiran a súa solicitude, pero todo quedou interrompido pola incidencia da crise sanitaria. Deste xeito, o prazo terminará o día 18 de maio e cada centro rexistrará as solicitudes na aplicación de xestión durante o día inmediato hábil e seguinte ao da súa presentación.

A documentación acreditativa dos criterios do baremo poderase presentar ata o 26 de maio, as listas provisionais de admisión daranse a coñecer o 8 de xuño e, tras o período de reclamacións (prazo de tres días hábiles desde o seguinte a esta publicación), a listaxe definitiva será o 26 de xuño.

O período de matrícula ordinario estenderase entre o 1 e o 10 de xullo no caso de infantil e primaria, ESO e bacharelato, mentres que o extraordinario convocarase entre o 1 e o 10 de setembro.

PERSOAL DIRECTIVO E DE LIMPEZA

Outro dos aspectos aprobados no Cecop refírese á reinstauración da obrigatoria presencialidade dalgún dos membros do equipo directivo en cada centro a partir deste luns. No caso de centros de seis ou máis unidades, deberá estar un membro da directiva en xornada de mañá, e nos de menos de seis, dun director ou profesor responsable durante os días necesarios para os trámites de escolarización, entre outros procesos.

As direccións poderán establecer a obrigatoriedade de presenza do persoal administrativo que consideren oportuno para atender todos os trámites derivados do proceso de admisión. Educación tamén se refire á presenza obrigatoria do persoal de limpeza para tarefas de desinfección, que será diaria.

INICIO DO CURSO

O reinicio dos trámites prodúcese nun marco de incerteza polo retorno ás aulas en setembro, ante a falta de criterios claros para cumprir as condicións sanitarias. O Ministerio de Educación convocou as comunidades autónomas o próximo 14 de maio para abordar estas cuestións no marco da Conferencia Sectorial.

A pesar diso, o departamento de Isabel Celáa está a analizar a posibilidade de combinar a presencialidade coa educación telemática. Deste xeito, as aulas retomaríanse coa metade do aforamento, é dicir, cuns 15 nenos nunha clase pensada para 30 ou 40, unha proposta que de momento non foi debatida coas comunidades autónomas.

PROTOCOLOS CLAROS

Os sindicatos galegos e as asociacións de pais levan reclamando que se diten instrucións e protocolos claros antes de ditaminar o regreso ás aulas. O sindicato ANPE esixiu que se adopten as medidas de protección sanitarias necesarias e as instrucións que permitan unha planificación "rigorosa" nos centros.

A CIG-Ensino, pola súa banda mostrou a súa "preocupación" pola aparente "improvisación" coa que se actúa desde o Goberno central e pediu que se dialogue coa comunidade educativa para adoptar "solucións reais" ante a problemática e a planificación do curso, como o reforzo de profesorado, realizar desdobres ou baixar o número de estudantes por aula.

Patio dun colexio pechado. Jesús Hellín - Europa Press
Patio dun colexio pechado. Jesús Hellín - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta