Onda de corazóns verdes para denunciar os "recortes e privatizacións" dos servizos públicos

A plataforma #PlanDeChoqueSocial comeza a campaña #PintoUnCorazónVerde a través da que chama a toda a cidadanía a colgar corazóns nas xanelas, nos balcóns e nos centros de traballo para esixir o reforzo dos servizos públicos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2020 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

Como resposta á crise sanitaria, social e económica que estamos a atravesar, a plataforma #PlanDeChoqueSocial, da que forman parte máis de 400 organizacións sociais e ambientais, impulsa a campaña ‘Pinto un corazón verde’ para reivindicar uns servizos 100% públicos, universais e de calidade.

Unha cativa pintando un corazón verde polos servizos públicos
Unha cativa pintando un corazón verde polos servizos públicos | Fonte: Plan de Choque Social Galiza

Decenas de personalidades da cultura, a música e a comunicación, así como profesionais dos servizos esenciais, sumáronse á campaña #PintoUnCorazónVerde e animan a poboación a colgar un corazón verde nos seus balcóns, xanelas, centros de traballo, hospitais, escolas ou medios de transporte. A campaña esixe que se revertan os recortes e as privatizacións que nos últimos anos de austeridade "colocaron España moi por baixo da media da UE en gasto social e, por tanto, nunha situación máis vulnerable ante a crise", indica a plataforma. 

"CANDO RECORTAN SERVIZOS, RECORTAN AS NOSAS VIDAS"

“Os servizos públicos están ao noso lado desde que nacemos e acompáñannos en toda a nosa vida. Garanten dereitos fundamentais como a educación, a saúde ou a protección social. Por iso, cando recortan servizos públicos, recortan as nosas vidas, a nosa dignidade”. Así comeza o manifesto desta campaña cidadá, que quere denunciar que a crise sanitaria e social provocada pola enfermidade COVID19 evidenciou que os recortes e privatizacións dos servizos públicos experimentados nos últimos anos teñen "consecuencias devastadoras". O estado está por baixo da media da UE en gasto sanitario (-1,1 %), educativo (-0,7 %), de protección social (-1 %), ou de vivenda (-0,1 %) e outros gastos necesarios, como os da loita contra a violencia machista ou a pobreza infantil.

O manifesto tamén recolle que no caso de Galicia, a sanidade está á cola do estado en camas de hospital por habitante e que o orzamento saniatario se reduciu un 18% desde 2018 e o persoal en 1.100 sanitarios menos. "A  infradotación non só en hospitais, senón tamén en residencias de maiores, axudas á dependencia ou a precariedade dos servizos sociais dificultan a actuación ante unha emerxencia xa non só sanitaria, senón social e alimentaria", sentenzan.

POR UN FUTURO CON DIGNIDADE

Por iso mesmo, desde a campaña denúnciase que os profesionais traballan cunha "falta de seguridade absoluta". “A pandemia está a ser especialmente crúa nas residencias de maiores, un sector altamente privatizado (en torno ao 85 % son residencias privadas, algunhas en mans de fondos de investimento) no que leva anos denunciando o mal estado das instalacións e a situación do persoal, escaso, saturado e mal remunerado” citan.

Para a plataforma cidadá #PlanDeChoqueSocial, composta por máis de 400 organizacións e colectivos sociais ao longo do estado español, é o momento de apostar “por un futuro que cambie o presente, e por un futuro para as nosas vidas con dignidade para todas as persoas”. Trátase, afirman, de poder afrontar esta pandemia e as futuras que poidan chegar, da mellor das maneiras. Tamén se trata “de non deixar ninguén atrás” nesta crise social e económica que acaba de empezar.

APOIO DE ROSTROS FAMOSOS E SECTORES ESENCIAIS

No seu lanzamento, a campaña #PintoUnCorazónVerde recibiu o apoio de máis dunha vintena de persoas representativas do mundo da cultura, a comunicación e a música. Ana Pardo, Antonio de la Torre, Aitana Sánchez Gijón,  Cristina Fallarás,  Nathalie Poza, Sergio Peris, Juan Diego Botto, Carlos Bardem, Fernando Tejero, Alberto San Juan, Bob Pop, Olga Rodríguez, Rozalén, Amparo Sánchez ou Nacho Vegas son algúns dos nomes que se sumaron a pintar un corazón verde polos servizos 100% públicos.

Así mesmo, traballadoras e traballadores dos denominados sectores esenciais quixeron unirse á convocatoria. Persoal sanitario, de limpeza, de transporte, servizos sociais ou de residencias de maiores son algúns dos rostros que se participaron. Tamén agricultoras, agricultores, gandeiros, transportistas e persoal do pequeno comercio alimentario. 

CORAZÓN VERDE NOS BALCÓNS E XALENAS

As entidades sociais desta rede convidan a cidadanía para colgar un corazón verde nos seus balcóns, xanelas, centros de traballo, hospitais, centros de saúde, despensas ou bancos de alimentos, colexios… e facer un vídeo ou unha foto para subir ás redes baixo o hashtag #PintoUnCorazónVerde. As centos de persoas que impulsan esta campaña coinciden en que “desta crise só podemos saír se reforzamos os servizos públicos, universais e de calidade, sen privatizacións". "Non queremos recortes nunca máis”, sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta