Familias sen alimentos e falta de vivenda: está sendo máis dura a crise sanitaria que a financeira?

A crise financeira que comezou en 2008 deixou ver que moitas familias e particulares foran vítimas de tratos abusivos pola banca. Aumentaron os desafiuzamentos e os casos de familias que recorreron a bancos de alimentos para poderen subsistir. Estamos vivindo a mesma situación agora mesmo?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 09/05/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A actual parálise económica traerá consecuencias moi graves segundo apuntan as previsións económicas. Entre as primeiras, a falta de emprego, a paralización económica polo confinamento, ERTE e a carestía para moitas familias. Ademais diso, e aínda que o Goberno central prohibiu os desafiuzamentos durante o período de alarma, estas operacións incrementaranse cando finalice o período especial que vivimos. A pesar disto, as dúas crises, 2008 e a actual, teñen diferenzas que se poden rastrexar entre algunhas das asociacións e ONGs que se involucraran socialmente hai máis dunha década.

Foto: Banco Alimentos
Foto: Banco Alimentos

HAI COMIDA PARA A MESA?

Os bancos de alimentos dan a voz de alarma. Cada día aumentan as chamadas de familias ou particulares que precisan axuda para comer. “Hai xente que tamén vén en persoa mais aquí non lles podemos entregar nada directamente, dirixímolos aos servizos sociais” din desde o banco de alimentos Rias Altas de Santiago. Os motivos son que non se dupliquen as axudas ou que non haxa  picaresca.

As doazóns de alimentos, case sempre anónimas, non están sendo abondo estes meses. O mesmo banco sinala que se en 2008 as asociacións de axuda ou ONGs pedían alimentos para dez familias, “hoxe pode haber vinte ou trinta familias e temos unha media de entre 40 ou 80 chamadas de persoas particulares” que son reenviadas ás institucións que levan as axudas para estes casos.

“Agora o que vemos son moitas persoas afectadas por ERTE, autónomos por cesamento de actividade, persoas que quedaron sen ingresos”. Tamén hai persoas que pecharon un negocio mais sen teren dereito ás axudas establecidas. “As familias que reciben os nosos paquetes pode ser tanto de dous fillos e os pais como familias máis numerosas, non hai un termo medio”.

Un policía local propina unha puñada a un cidadán que se manifestaba contra o desafiuzamento dunha muller de 85 anos na Coruña
Un policía local propina unha puñada a un cidadán que se manifestaba contra o desafiuzamento dunha muller de 85 anos na Coruña | Fonte: Xabier P. Igrexas (@contradiscurso)

VANME BOTAR DA CASA?

Os desafiuzamentos foron outro dos dramas que saíu á luz durante a crise económica. Cando o executivo central decretou o confinamento, os desafiuzamentos quedaron conxelados durante o espazo que ocupe o estado de alarma. Aínda así, a Xunta de Galicia mostrou a súa desconformidade con esta medida. “É unha cuestión de ideoloxía e mentalidade, para eles a paralización dos desafiuzamentos suporía que o mercado da vivenda quedaría paralizado ” din desde Stop Desahucios Compostela.

A sensación reinante desde había un tempo era que os desaloxamentos pola forza por motivos económicos xa non eran tan frecuentes. “Antes do estado de alarma estábanse levando adiante accións de propietarios contra inquilinos que tiñan arrendado un piso ou unha casa” din en Stop Desahucios.

Os motivos destas novas accións contra inquilinos son varios, sendo o desexo de alugar para turismo o máis habitual. Un piso situado ao pé de zonas turísticas onde o impacto económico é moi elevado, supón unha tentación para sacarlle rendemento ao inmoble ás veces polo dobre do que se cobraba.


“A lexislación ás veces dá máis beneficios aos propietarios, aínda así, durante os xuízos é frecuente que se busquen alternativas” sinalan desde Stop Desahucios. Non obstante, existe o estigma da visibilización do caso. “Moita xente non quere que se saiba do seu problema de vivenda”.

E que ocorrerá despois de levantar o estado de alarma? Desde logo a reactivación dos procesos que quedaron conxelados. Seguidamente, recorrer aos tribunais en caso de que a familia poda permitirse isto e por último, ou negociar ou aplicar unha sentenza que podería favorecer máis ao propietario que ao inquilino.

É probable que este período de conxelación permita renegociar contratos, alugueres ou diferentes vías de solución no mellor dos casos. O peor será unha reactivación de desaloxamentos e familias que non teñan onde ir nun momento de maior incerteza económica que hai doce anos. A iso sumarlle que posiblemente a incidencia do desemprego acabe por crear dificultades para as familias a medio prazo polo menos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Cando remate a festa, os xuizos serán por Zoom e os deshafiuzamentos terás que descargalos dunha app do Ministerio de Xuztiza (?) Na crise do 2008 estabamos todos nas rúas e nas prazas... chamábase 15M pero agora seica os Vicepresidentes bástalles con repetir o mantra: Non imos a deixar niguén atrás! Posiblemente porque unha vez que o país vaia a creba todos estaremos no fondo...?