Haberá que pedir cita previa para realizar trámites na Xunta durante a desescalada de funcionarios

Feijóo destaca que se preserva a saúde de todos e os sindicatos logran unha comisión de seguimento e que se estude ampliar o teletraballo. A Xunta dotará de sistemas de videconferencia a todos os xulgados galegos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2020 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A reincorporación dos empregados públicos aos seus postos presenciais na Administración galega será graduada desde o 18 de maio, pero o protocolo aprobado este venres polo Consello da Xunta tras as consultas cos sindicatos permitirá continuar co teletraballo aos que estiveron nesta modalidade ata agora, sempre que o seu posto non requira acudir in situ ao centro. Ademais, unha das novidades será a implantación da cita previa para os cidadáns que queiran acceder.

Unha das entradas do complexo administrativo de San Caetano, en Santiago, sen tránsito pola crise do coronavirus
Unha das entradas do complexo administrativo de San Caetano, en Santiago, sen tránsito pola crise do coronavirus | Fonte: Europa Press

É dicir, os cidadáns que teñan que realizar unha actuación na Xunta deberán chamar con antelación para concertar unha hora para acudir ao edificio administrativo. "Coa finalidade de xestionar adecuadamente o fluxo de visitantes aos edificios, establecerase, con carácter xeral, o uso do sistema de cita previa", sinala o documento.

O protocolo cambia as previsións iniciais da Xunta na implantación das fases, que de forma preliminar comeza este luns 11 de maio. Aínda que inicialmente era de catro semanas en total, agora condiciónase a que a situación sanitaria e as medidas o permitan.

Unha das novidades incorporadas despois das alegacións dos sindicatos é a creación dunha comisión de seguimento, mixta, de composición paritaria, entre representantes da administración e das organizacións sindicais. A participación neste órgano que controlará a incorporación dos funcionarios estaba ligada a que os sindicatos asinasen o texto, algo que finalmente fixeron todas as centrais sindicais, que quedarían fóra pola contra.

Esta comisión levará a cabo un seguimento das actuacións de reincorporación, así como tamén se trasladarán as "propostas que se consideren necesarias". Ademais, neste mesmo punto, inclúese que "se constituirá un grupo de traballo para avanzar no desenvolvemento normativo do teletrabajo".

Precisamente, a ampliación do teletraballo máis aló da pandemia por coronavirus e aos casos nos que actualmente se concedían foi unha das principais reclamacións nas alegacións presentadas esta semana polos sindicatos con representación na mesa de función pública.

XULGADOS

A Xunta dotará de sistemas de videconferencia a todos os xulgados galegos, segundo informa tras a reunión, por videconferencia, que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto ao director xeral de Xustiza, Juan José Martín, mantiveron co ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, e representantes das comunidades autonómas.

Segundo informa, o Goberno galego está a elaborar un protocolo para a celebración telemática das vistas que será validado por un grupo de traballo constituído por xuíces a próxima semana.

Do total das 160 salas de vista existentes, xa foron identificadas as que xa están preparadas para a celebración dixital das vistas. Delas, xa estarían en disposición 80 delas para levar a cabo as vistas telemáticas unha vez pechado o protocolo de actuación. Para as restantes, porase en marcha unha contratación por vía de urxencia para completar a dotación tecnolóxica.

Ademais, reactivarase a implantación da firma electrónica nos 60 órganos que estaban pendentes de completar o proceso, "sempre a través de procesos de formación telemática dos profesionais e coa coordinación da sala de goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Que chamen a algún Hacker para que nos informe cales serán os puntos de acceso á información sensible dos cidadáns gracias ao teletraballo e aos xuizos virtuais (?) Os sindicatos como sempe axudando a engordar o unto da Administración !