GC Aberto

Feijóo o ilusionista

Por admin | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2020

Comparte esta noticia

Alberto Núñez Feijóo ten dotes de ilusionista. Só así se explica o repertorio de trucos que está a despregar durante a crise da COVID-19. Dende as súas primeiras intervencións na TVG, Feijóo aproveitou os ases que levaba na manga. 

Feijóo comparece no Parlamento. XUNTA DE GALICIA - Arquivo
Feijóo comparece no Parlamento. XUNTA DE GALICIA - Arquivo

O primeiro sería o da “anticipación”. Cando se rumoreaba que Pedro Sánchez ía decretar o confinamento, Feijóo compareceu para comunicar que pecharía os comercios e os bares, inoculando así a idea de que “en Galicia anticipámonos”. Isto pode parecer menor (unha diferenza de horas), pero falamos dunha crise que se manexa en rankings, tanto que o vimos repetir varias veces o mesmo truco”. Sexa coas saídas das nenas e nenos, a facer deporte, ou das persoas maiores. Aquilo que Feijóo intúe que será o próximo paso do goberno, propono e logo ponse a medalla TVG mediante. 

“Agora me ves, agora non me ves”... como bo ilusionista, o arte de desaparecer non podía faltar do seu espectáculo. Esvaeceuse na súa única intervención na deputación permanente para logo multiplicarse nos estudos da TVG. Contan os grupos da oposición máis de vinte por unha no Parlamento. Eses mesmos grupos da oposición que se reúnen con Feijóo cada domingo para asistir á desaparición das súas propostas. Nin unha foi tida en conta por Feijóo, máis pendente da prestidixitación que da xestión política.

Ata hai un número de hipnose, ese no que Feijóo se inviste de estadista ante o público, cun discurso de responsabilidade e lealdade ao goberno, para ao momento seguinte sacar da chistera un ataque que ten un maior efecto tras a circunspección previa. “Eu quero ser leal pero a maior lealdade é sinalar a incompetencia do goberno”, vennos dicir. Proba desta lealdade é insistir en que os test enviados polo goberno non serven (a pesar de coñecer a especificidade de ditos tests), para, a continuación, anunciar un estudo con eses test a 100.000 persoas, fronte ás 60.000 do estudo de seroprevalencia do Ministerio de Sanidade. Ou duplicar o prazo establecido no decreto do estado para que a consellería aprobe os ERTE e días despois culpar ao Estado do retraso no pago das prestacións. 

Din que un mago nunca desvela os seus trucos, quizais por isto, mentres Feijóo acusaba ao goberno do estado de non informar, a consellería deixou de remitir ao Ministerio de Sanidade o número de persoas falecidas nos centros sociosanitarios. Pero este non foi o único dato que Galicia estaba deixando de notificar. Tampouco se remitían os datos acumulados de persoas ingresadas en UCI, ou desagregados por concellos. Durante este tempo foi imposible coñecer con exactitude a incidencia real da pandemia en Galicia máis alá da consigna de Feijóo de “en Galicia mellor que no resto” fundamentada no ocultamento de cifras e a manipulación das matemáticas no seu interese. Ata que este mércores, cando xa nos aproximamos á fase de desescalada, a Consellería de Sanidade resignouse a actualizar a información que manda ao Ministerio, notificando, por exemplo, 128 persoas falecidas en centros sociosanitarios que non se estaban computando e das cales non sabemos exactamente en que momento se produciu o seu falecemento. 

Diversos medios publican estes días o que supón este disparate de cifras e as incógnitas que deixa de cara ao desescalado non ter unha serie correcta de datos. Xogar coas cifras pode significar, en último termo, xogar coas vidas. 

Como calquera ilusionista que se prece, Feijóo tamén amosou as súas habilidades para o escapismo. Aproveitando o inédito “mando único” do decreto do estado de alarma, Feijóo fuxiu das súas competencias. Como as de sanidade que están transferidas ás autonomías, o mesmo que as das residencias de maiores. As únicas competencias que realmente asumiu Feijóo son as da propaganda. Que se tiña as mans atadas para mercar material, que se logo compra máis e mellor que o goberno e decide facer un estudo cunha mostra maior pola súa conta. Que se evita poñer a sanidade privada ao servizo da pandemia, pero logo levanta un innecesario hospital de campaña. Que se obvia que as residencias de maiores son un servizo público (a pesar da continua privatización da xestión por parte dos seus sucesivos gobernos) e así non medicaliza, non intervén, non traslada ás persoas enfermas de COVID-19 aos hospitais para garantirlles a mellor das atencións. 

Palabrería, cero decisións, e moito de inercia. Por non entrar en profundidade nas medidas económicas. Sen axudas directas e sen medidas específicas por sector, practicamente se limitan ás liñas do IGAPE das que o sector metalúrxico vén de dicir que son pouco atractivas e que prefiren acollerse ás axudas habilitadas polo Ministerio de Economía por ser “máis vantaxosas e claras”. 

O despregue do repertorio de Feijóo durante a crise da COVID-19 é a síntese de anos de goberno nos que creou a ilusión do bo xestor, cando, en realidade, sumiu a Galicia nunha parálise que podemos designar como unha década perdida. Pero, como estamos falando de ilusións e de maxia, non descartemos que o espectáculo destas semanas acabe por ser a súa derradeira función, o truco final.

Artigo de Verónica Hermida, secretaria de Feminismos de Podemos Galicia e voceira do seu Consello de Coordinación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta