Por Galicia Confidencial | Verín | 14/05/2020 | Actualizada ás 09:00
Novamente a Biblioteca de Verín, co seu proxecto “Voluntariado Cultural para o fomento á lectura” acada un recoñecemento internacional, poñendo á institución do Val do Támega no máis alto das prácticas bibliotecarias. Neste caso a nivel mundial.
Neste caso, a American Library Association (ALA) seleccionou un proxecto da Biblioteca de Verín cma un das mellores prácticas bibliotecarias do mundo. Así, o Comité de Conexiones Internacionais da ALA destacou a actividade da institución verinesa por adecuarse ao significado do valor das bibliotecas na promoción da xustiza social e da inclusión.
A American Library Association, ven celebrando dende 1876 a súa Conferencia Anual. Recoñecida, por mor da súa traxectoria, como a máis antiga e prestixiosa entidade bibliotecaria, a ALA buscaba neste ano 2020 destacar o lema: “O valor das bibliotecas na promoción da xustiza social e a inclusión”. Para iso, seleccionou 36 proxectos de todo o mundo. Un dos escollidos foi precisamente o da Biblioteca Pública Municipal de Verín.
A doutora Grace Yan Liu, co-presidenta do Comité de Conexións Internacionais do IRRT, da Asociación Americana de Bibliotecas, notificou á Biblioteca de Verín a súa selección, que implicaba a exposición pública do proxecto premiado no Congreso Internacional de Chicago (Illinois – Estados Unidos) que estaba previsto celebrar do 25 ao 30 de xuño deste ano. Este evento congrega anualmente a máis 20.000 persoas. Nese grandioso escaparate, a Biblioteca de Verín ía presentar un poster, unha fotografía de 2 por 2 metros cunha explicación do proxecto. Lamentablemente e por mor da pandemia actual, acordouse a suspensión dun acto tan multitudinario e realizarase de xeito virtual.
Entre as Bibliotecas selecionadas este ano como exemplo das mellores prácticas do mundo, atópanse, entre outras, entidades da importancia da Ferguson Library, (Stanford); a State Library of Queensland, (Australia); a Helsinki Central Library Oodi, (Helsinki, Finland); a West Vancouver Memorial Library, (British Columbia, Canada); a Zentral und Landesbibliothek Berlin, (Alemania); a Charles Evans Inniss Memorial Library University of New York (Brooklyn, New York); a University of Victoria Libraries, (Canada) ademais de nove proxectos españois incluído o da nosa Biblioteca.
Curiosamente, o da Biblioteca de Verín é o proxecto sostido pola entidade municipal de menor tamaño e dotación económica entre todos os seleccionados
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.