O BNG acusa a PSOE, PP e Vox de amparar a corrupción ao non deixar investigar ao Rei Juan Carlos

Non investigar este tipo de consultas equivale a "tapar" as actuacións corruptas que se atribúen a Juan Carlos I, asegurou Néstor Rego no Congreso.

Por E.P. | MADRID | 14/05/2020 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acusou o PSOE, o PP e Vox de amparar as supostas corruptelas que se atribúen a Juan Carlos I e de "lexitimar socialmente a corrupción" coa súa negativa a que a Mesa do Congreso tramite as iniciativas destinadas a solicitar información sobre as noticias que afectan o ex xefe do Estado.

Así reaccionou Rego tras coñecer que estes tres partidos impediron cos seus votos que o órgano de goberno da Cámara tramite as preguntas que rexistrou co obxectivo de que o Goberno lle explicase se pensa tomar algunha medida despois de que o suposto home de palla do Rei Emérito, Arturo Fasana, declarase ante un fiscal suízo que depositou nunha conta daquel país 1,7 millóns de euros que o pai de Felipe V recibiría do sultán Bahrein.

"Estamos diante dunha sucesión de informacións que comprometen a pouca credibilidade que queda a unha monarquía xa profundamente desprestixiada", argumenta Rego, para quen non investigar este tipo de consultas equivale a "tapar" as actuacións corruptas que se atribúen a Juan Carlos I. "Segue sendo necesario investigar, tanto no ámbito político como xudicial para determinar as responsabilidades e consecuencias a que houber lugar", remarca o deputado nacionalista.

TAMPOUCO AS COMPARECENCIAS QUE PEDÍA A CUP

Na súa última reunión ademais da iniciativa de Rego, a Mesa do Congreso vetou a tramitación das rexistradas pola CUP para que a Comisión 'anticorrupción' da Cámara chamase a comparecer ao Rei Felipe V e ao seu pai para explicar esas supostas "actividades irregulares", unhas comparecencias que si foron apoiadas por Unidas Podemos.

Seguindo o criterio dos letrados, a Mesa do Congreso inadmitiu esa petición por exceder da función de control parlamentario que ten o Congreso dada a inviolabilidade que a Constitución establece para o Rei no seu artigo 56.3: "A persoa do Rei é inviolable e non está suxeita a responsabilidade".

Ademais da presenza dos Reis, a CUP pretendía chamar tamén ao Congreso os tres ministros do PP que en 2014 acompañaron a Juan Carlos I nesa viaxe a Bahrein, Pedro Morenés (Defensa), Ana Pastor (Fomento) e José Manuel Soria (Industria), dos que só a expresidenta do Congreso segue en primeira liña política. A Mesa do Congreso tamén o rexeitou por tratarse de persoas particulares que xa non forman parte do Goberno e que, por tanto, non están sometidas a control parlamentario.

Esquerra Republicana tamén se interesou polo caso de Barhein, pero no seu caso optou por rexistrar unha serie de preguntas de Gabriel Rufián animando o Goberno a investigar ese caso de supostas comisións ou, polo menos, dar ordes á Fiscalía para que abra dilixencia.

Todas as preguntas salvaron o filtro da Mesa salvo unha que pretendía coñecer os efectos de "a presunta actitude da Casa Real" na imaxe do Estado, xa que os servizos xurídicos tamén a consideraban allea ao control parlamentario do Goberno.

O deputado do BNG, Néstor Rego, durante a súa intervención no pleno do Congreso.. Pool
O deputado do BNG, Néstor Rego, durante a súa intervención no pleno do Congreso.. Pool

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta