Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2020 | Actualizada ás 13:41
O Son do Camiño, o Resurection Fest e o Festival Portamérica, as tres principais citas festivaleiras do verán galego, comunicaron este venres a súa decisión de suspender a súa edición de 2020 e aprazar os eventos ata o verán de 2021.
A decisión prodúcese tras semanas de incerteza para as persoas que adquiriran as entradas, por mor das limitacións creadas polo estado de alarma pola pandemia de coronavirus e ante a falta de "instrucións concretas" sobre a posibilidade de celebrar eventos multitudinarios.
O Son do Camiño confirmou o adiamento da que ía ser a súa terceira edición, programada no compostelán Monte do Gozo para os días 18, 19 e 20 de xuño coa presenza de Bad Bunny, Daddy Yankee, Chemical Brothers, The National ou Liam Gallagher, entre outros, e cuxas entradas se venderon masivamente.
Así, tendo en conta o plan de desescalada, argumentan os organizadores, non sería posible a celebración dun evento destas características antes do 22 de xuño. Isto, unido á "falta de instrucións concretas por parte do Goberno central", levou aos seus responsables a tomar a "difícil" decisión de suspender a edición de 2020.
No entanto, explicaron que traballan na "reprogramación" do cartel, coa intención de que "os principais atractivos estean presentes na edición de 2021, que será os días 17, 18 e 19 de xuño, á vez que avanzaron "moitas novidades", tendo en conta a celebración do Xacobeo.
As persoas que comprasen unha entrada e desexen devolvela, "terán garantidos os seus dereitos", aclararon, aínda que tamén será posible conservala, dado que serán válidas para a edición de 2021.
Tamén este venres foi a data elixida polos responsables do Resurection Fest de Viveiro para confirmar que se apraza a celebración do seu 15 aniversario ata 2021.
"Consideramos que é a única decisión posible, a única acertada e correcta, e que prioriza a saúde de todos os asistentes, staff e artistas", comentan os organizadores nun comunicado, no que precisan que se celebrará, finalmente, entre o 30 de xuño e o 3 de xullo de 2021, na mesma fin de semana que este ano.
Na mesma liña, o Festival Portamérica, previsto do 2 ao 4 de xullo en Caldas de Reis, tamén decidiu aprazar a súa celebración ata os primeiros días de xullo de 2021.
"Queremos ofrecervos o maior grao de satisfacción, e nestes tempos non se dan as condicións para garantilo", din os seus promotores.
Tanto o Resurection Fest como o Portamérica dan a posibilidade de devolver a entrada adquirida ou conservala para o próximo ano, tendo en conta que ambas as citas contan xa coa confirmación da maior parte dos artistas do cartel deste ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.