Por Pablo Montaña Prieto | Vigo | 26/12/2012 | Actualizada ás 09:49
Así, esta fin de semana, a cidade acolleu as actuacións de numerosas bandas locais. Tras os concertos solidarios do venres, autoría de Iván Ferreiro e Carlos Núñez, o sábado tocaron, entre outros, Caraba, Eladio y los Seres Queridos, Aerolíneas Federales, ou Óscar Avendaño y los Profesionales.
Eladio y Los Seres Queridos xunto a Caraba
Caraba e o grupo liderado por Elio dos Santos ofreceron un concerto conxunto na Fábrica de Chocolate. Foi algo froito da casualidade, Caraba tiña xa adxudicada a actuación do 22 de decembro desde fai moito tempo, e Eladio quería tamén tocar nese día. Ambos grupos falaron, e acordaron compartir a data.
Ás 22:30 comezou Caraba. Trátase este dun grupo de músicos louzáns, pero de gran valía técnica, que está a presentar o seu actual EP, “Que tengas un buen día”. Aínda que nos seus primeiros tempos tocaban unhas cancións máis movidas, máis enmarcadas dentro da escena rock, a partir do seu último traballo, están progresando ata un estilo máis persoal, de música elaborada que busca transmitirse e perdurar na cabeza de todo aquel que a escoite. Os instrumentos concordan á perfección e deixan vía libre á voz, sempre moi característica, do cantante Xermán Bugallo. Xermán compón unhas letras metafóricas e detallistas, cargadas de significado, e ás veces complexas, tanto, que invitan o público a escoitalas máis dunha vez, para poder gozalas plenamente.
Caraba é un conxunto de futuro, pero que se ve obrigado a tocar sempre a un 70 % das súas posibilidades. Cada un dos seus integrantes vive nunha cidade diferente ( Vigo, Santiago, Madrid e Lisboa), polo que non poden ensaiar con regularidade. Ademais, como sucedeu no concerto da Fábrica, moitas veces teñen que tocar sen o seu Saxofonista, quen aporta un toque moito máis cálido e carismático á banda, por serlle a este imposíbel acudir a Galicia.
Pese a todo, o sábado a banda conseguiu conquistar a un público que na súa maioría acudira por Eladio y Los Seres Queridos. Podían, xa que logo, escoitarse comentarios do tipo “De onde saíron estes, son boísimos?” ou “Para ser tan xoves, faino moi ben”.
Tras eles tocoulle a quenda a Eladio e a súa banda. A Fábrica é unha sala que o grupo coñece moi ben, e na que son capaces de conseguir un son nítido e envolvente. Pese a ser un local bastante pequeno, o concerto soou moito mellor que outras veces, en salas máis importantes como por exemplo, A Capitol. Ademais, os artistas víanse moi cómodos sobre o escenario.
As cancións transcorreron como adoita suceder sempre, coa entrega total e absoluta do público. Ambiente relaxado e música pop de moita madurez e melosidade de fondo. Ao finalizar o concerto, todo o mundo satisfeito e encantado, esta é a maxia que tenta transmitir a banda viguesa.
Óscar Avendaño y Los Profesionales
Na Iguana, tamén pola zona Churruca, estaba programado o concerto de Óscar Avendaño y Los Profesionales.
El Pelda , quen participa e participou en bandas tan coñecidas como Siniestro Total ou Los Casanovas, levaba xa moitos anos gardando na súa trastenda musical cancións propias que presentaba ao público moi de vez en cando cun grupo de músicos, acuñados como Los Profesionales. Coa publicación do seu disco no 2011, este proxecto comezou a acadar máis dinamismo.
O do sábado foi un concerto moi familiar, con constante interactuación entre a banda e o público, e de pouca programación, o que aportou iso si, moita naturalidade.
Interpretou a banda varias cancións do disco, e outras que non o eran, todas elas movéndose entre o rock máis clásico e o blues rock. As letras, compostas por un compositor cheo de romanticismo que sabe aportar humor cando é necesario, souberon chegar ao público.
Aerolíneas Federales
A estación marítima acolleu un novo concerto de Aerolíneas Federales desde o seu retorno. Son varios os grupos da década dos 80 que están volvendo a dar concertos nos últimos dous anos, porén, poucos conseguen facelo ao nivel que o fixeron o sábado Aerolíneas.
Detrás de A Laxe, antes deles pinchou un Dj invitado que lamentablemente non foi capaz de facer mover os alí presentes. Logo, Aerolíneas reviviu ,durante unha longa actuación, moitos temas da súa mellor época. Aínda que non están o cen por cen, o certo é que as voces das cantantes aínda aguantan ben. Iso si, a acústica do lugar non axudou moito, e o son foi bastante pobre.
Futuros concertos
Durante a próxima semana Vigo seguirá ofertando unha gran variedad de concertos diarios de grupos autóctonos como Siniestro Total, Carlos Nuñez, Fliying Luras, Tony Lomba y Elio dos Santos… Haberá, xa que logo, varios citas musicais diarias, entre o 26 e o 30 de decembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.