Papa Noel , o apalpador e o consumo responsábel

Papá Noel, Santa Claus, San Nicolás, o Velliño, Pascuero ou Colacho son algúns dos nomes cos que se coñece universalmente ao personaxe lendario que segundo a cultura occidental trae presentes aos nenos no Nadal. Ese Papa Noel, hai días que repartiu agasallos por moitos fogares tras unha desatinada peregrinaxe polas rúas e arrabaldes das cidades e vilas de Galicia, despois dun desaforado almacenamento de xoguetes adquiridos tras percorrer todos os grandes almacéns e tendas das principais cidades do país. Xa se sabe que Papá Noel quere satisfacer os caprichos dos cativos que se portaron ben (os que actuaron mal recibirán carbóns).

Por Óscar Lomba | vigo | 31/12/2012

Comparte esta noticia
Ese consumismo que realiza Papá Noel (e todos nós) no Nadal, debe ser interpretado como unha adquisición ou compra furibunda e compulsiva, que idealiza os seus efectos e consecuencias asociándoa coa suposta satisfacción do meniño...
 
Debería saber Papa Noel que o proceso de globalización económica concentra o poder nos países ricos e empobrece aos habitantes do Sur, forzándolles a facer de man de obra barata e pagando prezos insuficientes polos seus produtos. Que non esqueza Papá Noel que as 50 multinacionais máis grandes do mundo teñen cifras de venda maiores que o produto interior bruto dos 150 países máis pobres do planeta.
 
Non todos os nenos e nenas reciben agasallos no Nadal e ademais a maioría da poboación do planeta vive na pobreza. Non debemos esquecer que diariamente morren de fame 70.000 persoas no mundo e 828 millóns están desnutridas de xeito grave e permanente. Os datos da FAO demostran que a fame crónica afecta actualmente a 1.040 millóns de persoas no mundo. Nos anos 60, o 20% da poboación máis rica do planeta acumulaba 30 veces máis riqueza que o 20% máis pobre. Nos anos 90 a diferenza aumentara ata 82 veces. O 21,1 % da poboación do Estado español vive por baixo do limiar de pobreza e, ademais, xa se contabilizan máis de 12 millóns de persoas pobres. É o denominado “cuarto mundo”.
 
O que resulta intolerábel é que, segundo a Organización Internacional do Traballo, 250 millóns de nenos de entre 5 e 14 anos traballan. O 50% deles fano en condicións de escravitude.
A verdade é que Papá Noel debería marchar para Anatolia, aos vales de Licia (en Turquía) e deixar que o bo do apalpador faga a súa faena. O Apalpador (tamén coñecido polo nome de Pandigueiro na comarca da Terra de Trives), é a figura mítica dun carboeiro que, segundo a tradición, baixa a noite do 24 de decembro ao 31 de decembro a tocar o ventre aos picariños para ver si cearon ben, deixándolles unha morea de castañas, eventualmente algún agasallo e desexándolles que teñan un aninovo cheo de lambetadas e felicidade. Teño entendido que o apalpador é moito máis responsábel no que ao consumo se refire. Debería saber Papá Noel que o comercio xusto establece relacións xustas de produción e compravenda entre os países do Norte e do Sur e demostra que o beneficio económico, os dereitos dos traballadores e o respecto ao medio ambiente son compatibles.
 
O apalpador merca só en tendas de comercio xusto. Esa maneira de proceder garante uns salarios e condicións de traballo dignas para os traballadores que producen eses produtos do Nadal. Sabe moi ben que ao consumir neses bazares populares, cooperativas de consumo responsábel, establecementos ecolóxicos e tendas de comercio xusto está favorecendo a igualdade de dereitos entre homes e mulleres, a non explotación infantil, o funcionamento democrático na toma de decisións, as relacións comerciais a longo prazo e os pagamentos por adiantado, o destino dunha parte dos beneficios a proxectos sociais na zona, a protección do medio ambiente, a calidade dos produtos, e unha axeitada información ao consumidor. O apalpador é consciente do poder que ten como comprador responsábel á hora de elixir os produtos. Papa Noel non sabe como exercer presión sobre os fabricantes. Porén o apalpador só consome produtos respectuosos co medio ambiente e os dereitos humanos. Merca xoguetes tradicionais e elaborados artesanalmente por traballadores en condicións xustas. Eses brinquedos fabrícanse garantindo o respecto aos dereitos sociais e económicos dos traballadores.
 
Por todo o exposto aconsello aos papás e mamás que promocionen o apalpador e reflexionen sobre o impacto ambiental desde o punto de vista do ciclo de vida dos xoguetes, valorando os procesos de produción, transporte, distribución, consumo e residuos que deixan. Eses xoguetes deben servir para instruír e educar, ademais de divertir.
 
Todos debemos comprobar que empresas e produtos, respectan o medio ambiente e os dereitos humanos para escollelos fronte a outros que non cumpran cos devanditos requisitos. Nestas datas de consumo desaforado e irreflexivo debemos pensar no tipo de comercio que desexamos favorecer e asegurarnos da utilidade e calidade do comprado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.