Por Pablo Montaña Prieto | Vigo | 30/12/2012 | Actualizada ás 11:05
Xa o dicía Siniestro Total na súa canción Onde vas Rapaz: No inverno a tristura cúrase con rock´n and roll. Aínda que a crise e os recortes están á orde do día na cidade olívica, o certo é que os seus músicos seguen a encher as salas viguesas. Os cidadáns o teñen claro, este Nadal, en cultura, ese ben combativo unhas veces, evatorio outras, non escatimarán nin un “duro”.
Así, durante esta semana a oferta musical foi moi ampla, e non precisamente barata, actuaron entre outros, artistas como Carlos Núñez, Siniestro Toral e Tony Lomba & Elio Dos Santos.
Carlos Núñez actuou o xoves 27 no Auditorio Mar de Vigo, e as entradas levaban xa varios días esgotadas. Durante o concerto mesturou a música folk galega coa tradición doutras culturas, como as sudamericanas ou a irlandesa. Aproveitou a ocasión para presentar o seu último disco Discover aínda que tamén repasou, a través de varios temas, toda a súa traxectoria musical.
O artista vigués estivo acompañado de varios músicos de proxección internacional, entre os que el mesmo destacou á figura da súa nova violinista de orixe irlandés, non sen antes recordar a varios músicos que pasaron pola banda e que agora están a triunfar ao longo do mundo.
Colaboracións
Contou Núñez con varias colaboracións. A que máis sorprendeu foi unha meniña de oito anos que cantou e tocou a zanfona, libre de nerviosismos e cunha seguridade que xa lle gustaría a moitos músicos maduros con varios anos de rodamento. Ademais, saíron a tocar pandeireiras e un grupo de gaiteiros.
Sen dúbida, o máis sobresaínte da noite foi a presentación en primicia da súa versión persoal e musical das cantigas de Martín Codax, un proxecto que, segundo o artista anunciou, vaille ocupar moitos anos.
O mesmo día, pero unha hora máis tarde actuaba no centro da cidade, máis concretamente na Iguana, unha das bandas insignias de Vigo, Siniestro Total. Sorprendía ver a Iguana tan chea de xente, moita da cal viuse obrigada a quedarse na planta de arriba da sala, o que fixo que apenas tiveran visibilidade do que acontecía sobre o escenario.
As catro primeiras filas do público, as máis próximas ós artistas, estaban ocupadas pola xuventude, a cal cantaba, bailaba e animaba o cotarro. O resto, xente máis maior que sorría e gozaba para si do concerto.
Os bises
Todo cambiou cando Siniestro Total rematou o set-list programado e comezou cos bises. A banda deixara para o final o mellor, temas como Bailaré sobre tu Tumba, Cuanta Puta y yo que viejo o Miña Terra Galega; que conseguiron animar a todos os alí presentes. Non houbo persoa da sala que non bailara ou cantase. Como sempre, a banda rematou co puño erguido coreando o himno da URSS, que soaba de fondo. Siniestro Total segue a ser historia viva, o último vestixio da movida viguesa O venres 28 ás 22:30 na Fábrica de Chocolate, Tony Lomba y Elio dos Santos ofreceron o seu xa habitual especial de Nadal, algo que tamén fixeran o mércores, no mesmo lugar e á mesma hora. Novamente a sala ateigada de xente.
Tony Lomba e Elio Dos Santos cultivan un xénero musical que eles mesmos definen como “música ligera”, así, manteñen vivo a través da continúa ironía das súas letras, un espectáculo balerio de artificios musicais, que se basea na guitarra de Eladio, algún que outro piano, e bases prefabricadas reproducidas a través da mesa de mezclas. A Tony Lomba encántalle interactuar co público, e pasouse a metade do concerto do venres baixado do escenario, e cantando entre a xente.
Foron case dúas horas de risa continua e os espectadores mesmo atrevéronse a corear as melodías de canción tan peculiares como España España, Hoy es un día especial, Ese amor de la abuela…
Fotos Siniestro Total: David A. Cortizo
Outras fotos: Laura Fernández Merchán
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.