A “histórica manipulación” da CRTVG no punto de mira: da “telefeijóo” á vulneración dos códigos xornalísticos

Os traballadores acusan ao PP de ter "secuestrados" os medios públicos para "beneficiar" a Feijóo. PSdeG, Galicia en Común e BNG falan directamente de manipulación informativa e avisan que iso terá consecuencias no futuro. Feijóo nega as acusacións, mira para Madrid e fala da situación da RTVE.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os medios públicos galegos están no punto de mira. E, desta volta, máis que nunca. Desde que comezou a pandemia, as aparicións do presidente galego en horas de máxima audiencia acadan cifras históricas, nunca antes vistas desde a fundación da CRTVG nos anos oitenta. Feijóo leva case 30 comparecencias en directo cunha media de dúas horas, sen contar informativos e programas nos que a presenza do líder do PPdeG, dos seus conselleiros e do seu partido se ten multiplicado ao mesmo tempo que se minimiza a presenza dos grupos críticos ou da oposición.

Por iso, todos os partidos da oposición e os traballadores do ente público denuncian unha “manipulación histórica” e nunca antes vista na historia dos medios públicos galegos. O Comité Intercentros da CRTVG esixíalle esta semana ao Partido Popular de Galicia que “libere dunha vez os medios públicos do secuestro”.  Os representantes do persoal lamentan que se utilice mesmo a cobertura da pandemia para facerlle a precampaña a Feijóo e alertan de que a manipulación “irá a máis” pola proximidade das eleccións autonómicas.
Neste sentido, acusa ao director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, e aos responsables dos Servizos Informativos de non respectar os códigos deontolóxicos profesionais e de “antepor” os intereses do Partido Popular ao dereito da cidadanía a acceder a unha información veraz e plural.

Roberto Vilar e Luís Zahera falan por teléfono con Feijóo no Land Rober
Roberto Vilar e Luís Zahera falan por teléfono con Feijóo no Land Rober | Fonte: TVG

"A cobertura da pandemia provocada pola Covid-19 é un irresponsable e trapalleiro exercicio de precampaña electoral ao servizo do candidato”, denuncia. Así, apunta que desde o inicio da crise as estratexias de manipulación informativa que se foron sucedendo nos telexornais e outros programas baseáronse fundamentalmente en criticar e desprestixiar a xestión da pandemia por parte do Goberno estatal, en mans da coalición PSOE-Unidas Podemos, para “louvar e enaltecer as actuacións da Xunta de Galicia, dominada polos populares”.

"Utilizan á CRTVG para louvar e enaltecer as actuacións da Xunta de Galicia"

TÁCTICAS DE MANIPULACIÓN

“A técnica consistiu (e aínda consiste por se se quere comprobar) en contestar e reprobar as decisións de Madrid con videos de produción propia nos que, despois dunha cita por exemplo do presidente do Goberno, aparecen réplicas ou declaracións críticas de cidadáns ou voceiros sectoriais”, indica o Comité Intercentros. “Nada reprochable se se fixera sempre, tamén os xoves despois do Consello da Xunta ou despois de cada rolda de prensa de Feijóo”, engade.

Entrevista de Feijóo na Televisión de Galicia ( TVG )
Entrevista de Feijóo na Televisión de Galicia ( TVG ) | Fonte: CRTVG

Así por exemplo, utilizan enunciados como “Galicia reforza o material sanitario”, “temos a taxa de letalidade máis baixa de España”, “a Xunta continúa cos test diagnósticos”, “O Ministerio valora a posibilidade de deixar saír aos nenos, como propuxo o domingo pasado Feijóo” ou “o Goberno galego segue traballando”. “Pretenden transmitir a imaxe de que no noso país todo vai ben porque goberna o Partido Popular, cando no resto do estado a situación é de caos”, di.

Ao mesmo tempo “ocultan e silencian” aos partidos da oposición, que “estivneron prácticamente desaparecidos durante o confinamento máis severo”. A” mesma ocultación padeceron nos informativos da TVG e de RG aqueles colectivos, organizacións ou agrupacións de traballadoras que mantiveron durante este tempo unha posición crítica contra a xestión da Xunta, xa fora denunciando a falta de medidas de seguridade, de organización e control ou demandando máis persoal e máis medios para facerlle fronte ás consecuencias do coronavirus”, salienta.

"ACABARÁN CAENDO"

Nestas denuncias coinciden tamén os principais grupos da oposición. O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusa ao PP de utilizar á Xunta “como o seu comité electoral” a través da “manipulación e perversión dos medios públicos” para favorecer a Feijóo. “Usa os medios de comunicación públicos e fondos da Xunta para construír un relato mentireiro da Xunta”, indicaba este venres.

E, neste sentido, anunciaba que o seu partido “tomará as medidas que haxa que tomar” para que non se siga utilizando á CRTVG con fins partidistas. “A dirección tiña que ser consciente de que o que están facendo é un ataque á democracia, á veracidade e pluralidade en Galicia”, engadía.
Por iso, tamén manda un recado aos directivos do ente público pola “campaña feroz e indigna de manipulación”. “Acabarán caendo. Caerá o Goberno do PP e faremos dos medios públicos uns medios diversos e plurais”, indicaba.

"A dirección da CRTVG é responsable pola campaña feroz e indigna de manipulación"

Tamén Galicia en Común-Anova Mareas denuncia este martes o uso que o Partido Popular de Núñez Feijóo leva facendo máis dunha década da CRTVG. “Son frecuentes as ocasións nas que o persoal da CRTVG denuncia a manipulación informativa á que se ven sometidos diariamente nos servizos informativos e sinalan como baixo as presións do entorno do presidente Feijóo se prioriza antepoñer os intereses do Partido Popular ao dereito da cidadanía de acceder a unha información veraz”, indicaba o seu líder Antón Gómez-Reino.

“A radio e a televisión pública de Galicia pertence a todos e todas as galegas e debe garantir o pluralismo político, por iso non se entende que o señor Feijóo teña comparecido case 30 horas en horarios de máxima audiencia mentres silencia a oposición”, sinalou o candidato e portavoz de GeC-AM. “Basta xa de empregar a CRTVG como un medio de propaganda do Partido Popular”.

Unha opinión na que tamén coincide a líder do BNG, Anta Pontón Pontón, que acusa a Feióo de “pretender amordazar ao resto das forzas políticas despois de ter utilizado dun xeito tan descarado aos medios públicos de comunicación en particular a TVG”. “Se tomamos como referencia o estado de alarma”, explicou, “desde o 14 de marzo ao 13 de maio, Feijóo acaparou 1.463 minutos de emisión en directo na TVG. O BNG non conseguiría esa cota de pantalla nin saíndo todos os días durante os catro anos de lexislatura”, dixo ao cualificar a TVG de "Telefeijóo".

“Confío en que non pretenda furtar á cidadanía o dereito ao debate sobre o que nos xogamos nesta convocatoria electoral, que non intente amordazar ao resto de forzas políticas e que non pretenda facer crer que quere unha campaña curta cando leva facendo campaña electoral desde o momento en que se declarou o estado de alarma”, destacou.

Feijóo: "Son os galegos os que consideran que os medios públicos son veraces"

E FEIJÓO ACUSA A MADRID

Ao presidente galego semella que non lle preocupa o que din os traballadores e os líderes da oposición sobre a manipulación informativa. Preguntado polas críticas insistiu nos criterios “profesionais” da dirección do ente público. E neste sentido engadiu que "o máis importante" á hora de "medir a un medio é a súa audiencia" e apuntou que "a maioría dos galegos consideran que a información" dos medios públicos da Comunidade é "veraz", dado que os seguen.

"Sobre o que pasa noutras televisións públicas, creo que non é necesario que me remita aos comentarios de roldas de prensa de presentadores desas televisións falando do que pasa nesa casa. E no consello de administración de RTVE incumpriuse a lei para cambialo a través dunha norma expeditiva, aquí está composto de acordo ao que marca a lei", advertiu, para concluír: "Esas cousas en Galicia non se fan e, mentres que eu sexa presidente, tentarei que non ocorran".

Chapa co lema 'eu non manipulo' contra as manipulacións dos medios públicos
Chapa co lema 'eu non manipulo' contra as manipulacións dos medios públicos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

5 Analizo

Con manipulación, que a hai, ou sen ela, pódese derrotar a dereita de Feijóo, como xa se fixo en tódalas eleccións celebradas o ano pasado. Hai que centrar a mensaxe na necesidade de cambio. A dereita deixa unha Galiza desolada. Mentras en España, se multiplicou o emprego por dous na democrácia, en Galiza non se creou emprego neto nestes 40 anos. O cambio e posible e so é con Ana Pontón na Xunta inda mellor.

4 Riuriu

Todo cierto, pero el gobierno de España, formado por PSOE, Podemos y sus apoyos periféricos, entre los que están PNV y BNG hace exactamente lo mismo con RTVE. ¿Alguien se puede creer que de gobernan en Galicia PSOE, BNG y Podemos habría pluralidad informativa en la Telegaita? Ja, ja,ja,ja,ja....Que la cierren de una vez y que la pague quien la quiera ver.

1 Ailalelo

Tes ben pouca vergonza!! Ainda lle queda a Sánchez!! Saiu máis Filloas na TVG ca Sanchez e Simón na TVE!! Non a imos pechas noxo españolista!! Queremos cultura galega e en galego!! Todos iguiais pero vós seguides co Pp non?

3 CastelaoPaSogama

O que hai que facer é privatizar os medios públicos. Todos son aparatos de propaganda.

1 Ailalelo

Libertario?? Libertonto!! E criminal con ese nick!! Cheiras a Pp e a fasci.... españolista!! Non nos quitaredes de ver s escoitar na nosa lingua!! Interlobotomía non adoutrina non??

2 Aris

Co cambio na Xunta hai que facer o mesmo que en TVE. Non vale andarse con panos quentes. Nomear unha administradora única que poña orde na casa despois de botar a tódolos 'pepeiros' que hoxe están ao servizo de Frijolito, postos a dedo, sen pasar polas oposicións,.

1 Gamela

O chiste do día, Gonzalito Caballero dí: Acabarán caendo. Caerá o Goberno do PP e faremos dos medios públicos uns medios diversos e plurais // Exactamente o que temos en Vigo con TeleVigo - SER - Unha pluralidade que raia na desfachatez: o programa Vigo de Cerca en directo os xoves, e volven a pasalo en diferido o sábado e o domingo e cando lles peta ! Ufffffffff canta pacencia...

1 Gron

Comparar aTVG con Televigo si que é un chiste. Chiste es ti e o teu odio visceral á esquerda (sexa cal sexa esta). Ufff canto noxo dereitoso!! Aplaudes coas orellas a feijóo, a onde estás cheghando...

2 O caralho 29

Tes razón en que a manipulación neses dous medios é lamentable, pero hai unha pequena diferencia, a CRTVG é PÚBLICA e aínda que radioVigo reciba fondos municipais (non o dubido) segue sendo PRIVADA. Igual o problema aquí é o q fan os gobernantes cando teñen maioría absoluta e por sorte o PSOE en GZ nunca a vai ter

3 Gamela

Para ser unha empresa "privada" http://www.televigo.com/quienes_som... a súa transparencia é cero, entre outras cousas porque ten tal rebumbio de convenios e subvencións públicas que xa nin sabemos cantos cartos son "privados" e cantos cartos son "públicos" // O mesmo sucede coa CRTVG que se ben é financiada con cartos públicos os que levan as ganancias son Produtoras Privadas (?) Tanto que xa ninguén sabe que sería da TVG sen eses produtores amigos (?) Polo tanto penso que a comparación pódese establecer sen máis problemas (?) Resumindo os Gonzalos Caballeros coma os Feijoos buscan fórmulas calesquera para que os cartos públicos acaben nos bolsillos dos seus amigos convertidos en mera Propaganda ! Todos fan exactamente o mesmo ! Autobombo e pouco máis ! ¿Alguén pode ver algunha Tv sen vomitar?

4 Ailalelo

Cheiras a dereiteiro!! Esa radio NON ten que ver coa CRTVG!! Das noxo!! Todos iguais pero non propos solucións!! Ou sexa, todos iguais pero segue o Pp