Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/05/2020 | Actualizada ás 20:13
O número de usuarios de residencias de maiores con coronavirus baixou nas últimas horas a 59 tras producirse 14 novas altas nos xeriátricos, mentres que os casos en traballadores pasaron de 75 a 67 nas últimas horas.
Así se desprende dos datos trasladados pola Consellería de Política Social. En concreto, recuperáronse dez usuarios da Santa Teresa Jornet (A Coruña), dúas de N.S. de Fátima (O Barco de Valdeorras), un en N.S da Esperanza (Ourense) e outro no centro residencial Galisénior (Ourense).
Os centros de Santa Teresa Jornet da Coruña e Caser A Zapateira de Culleredo seguen sendo os máis afectados, con once e oito casos activos, respectivamente.
Séguenlles na listaxe as residencia ourensenas S. José Hermanitas e Divino Mestre, con seis casos cada unha.
Doutra banda N.S. da Esperanza e a residencia Divino Mestre. ambas as de Ourense, contan co maior número de traballadores afectados na actualidade, con 12 e 8 positivos, respectivamente.
Nos centros de atención a persoas discapacitadas de Galicia, o número de usuarios con coronavirus reduciuse a 17, e os casos positivos de traballadores pasou a 15.
A maioría de usuarios e traballadores afectados nestes centros na actualidade atópanse na CAPD Coruña, con nove e cinco casos, respectivamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.