Ralentízase a superación da Covid en Galicia

Os casos activos en Galicia baixan só en 15 persoas e quedan en a 854.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 25/05/2020 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

Os casos activos de COVID-19 en Galicia baixaron nas últimas horas a 854, e permanecen hospitalizadas 71 persoas (dúas menos que este domingo), das que 11 están en Unidades de Coidados Intensivos, segundo os datos comunicados pola Consellería de Sanidade.

Así, descenderon en 15 os casos activos de coronavirus que, por áreas sanitarias distribúense deste xeito: 255 casos na área de Vigo, 207 na área da Coruña, 145 na área sanitaria de Santiago, 127 casos na área de Ourense, 58 na área de Lugo, 36 na área de Pontevedra e 26 casos activos na área sanitaria de Ferrol.

Con respecto ás persoas hospitalizadas, hai 60 pacientes en unidades de hospitalización convencional e 11 pacientes en UCI. A eles súmanse 783 persoas que se recuperan nas súas casas con seguimento domiciliario, o que supón 13 menos que hai un día.

O número de casos que recibiron alta epidemiolóxica é de 9.740, o que implica 24 persoas curadas máis nas últimas horas; e o número de probas PCR realizadas en Galicia incrementouse en 774 nas últimas 24 horas, ata situarse nun total de 135.464.

FALECIDOS

Sanidade confirmou que, ata este domingo, faleceron en Galicia 614 persoas con coronavirus. Dese total de falecidos, hai 272 persoas vinculadas con residencias (132 morreron dentro dos propios centros xeriátricos e o resto fixérono en residencias integradas ou en hospitais), un 44,3 % do total de decesos.

Segundo os datos trasladados pola Consellería, aínda que non se rexistraron falecementos dentro das residencias de maiores desde hai máis de dúas semanas, a persoa falecida nas últimas horas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, un home de 86 anos, estaba vinculado cunha residencia.

Ambulancia trasladando a maiores de centros de residencias contaxiados con coronavirus
Ambulancia trasladando a maiores de centros de residencias contaxiados con coronavirus | Fonte: c Miguel Núñez

SITUACIÓN NAS RESIDENCIAS

As residencias de maiores de Galicia rexistran 60 usuarios e 53 traballadores afectados por COVID-19, o que supón un usuario menos e dous traballadores menos, segundo os datos trasladados este luns pola Consellería de Política Social.

Nas últimas horas, deuse a alta a dous traballadores de centros xeriátricos, en concreto da residencia de maiores O Rocío de Vigo. No caso dos usuarios non houbo altas, pero o cómputo deste luns rexistra un infectado menos na residencia A nosa Señora da Esperanza de Ourense e todo apunta a que se trata dun home de 86 anos de idade que faleceu nas últimas horas no Complexo Hospitalario Universitario ourensán.

Segundo os datos comunicados por Política Social, a residencia Santa Teresa Jornet da Coruña segue sendo a máis afectada polo coronavirus, con 24 usuarios positivos; seguida por DomusVi Matogrande, Caser A Zapateira e O Portazgo, con 4 casos cada unha. No resto de centros xeriátricos hai entre 1 e 2 usuarios con coronavirus.

En canto aos traballadores destas residencias, o maior número de afectados correspóndese co centro A nosa Señora da Esperanza de Ourense, con 12 casos. Na residencia Divino Mestre hai 7 traballadores positivos e 6 na DomusVi de Cangas. No restro de centros afectados, os empregados con COVID-19 oscilan entre 1 e 5.

CENTROS DE ATENCIÓN A DISCAPACITADOS

Nos centros de atención a discapacitados non se produciron cambios nas últimas horas, e seguen 13 usuarios e 9 traballadores como positivos polo coronavirus. No CAPD da Coruña hai 5 usuarios afectados e en DomusVi de Bóveda hai 4 usuarios con coronavirus; o resto de centros (vivendas Aspronaga, CAPD de Redondela, residencia Monterrei e residencia Amicos) teñen un caso cada un.

Finalmente, con respecto aos traballadores de centros para persoas con discapacidade, o CAPD da Coruña, o de Redondela e o centro Santa María-San Rosendo de Ourense teñen dous casos cada un; mentres que Amicos, residencia Monterrei e DomusVi Bóveda teñen un traballador afectado cada un.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta