BNG acepta a proposta de Feijóo de reducir a campaña se hai dous debates e un plan de cobertura na TVG "acorde"

A formación frontista volve salientar a "A maiúscula de presidenta" na súa lema de campaña: 'Por unha nova GALIZA'

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2020 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

O BNG aceptaría reducir a campaña electoral para as autonómicas do 12 de xullo se existe un acordo entre as forzas para a celebración dun debate a dobre volta entre os candidatos dos principais partidos en liza retransmitido pola CRTVG, que así mesmo tería que realizar un plan de cobertura "acorde á importancia" do proceso e no que se aumente o tempo dedicado á información electoral.

Ademais, segundo expuxo nunha rolda de prensa telemática celebrada este martes a líder frontista e candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, o posible acordo tamén pasa por que a TVG "deixe de retransmitir os mitins encubertos" do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e que as candidadaturas pacten agrupar a correspondencia electoral nun só envío, o que suporía "un importante aforro" económico.

Sobre isto último, Pontón lembrou que se trata dunha proposta lanzada hai unha semana e que non atopou resposta por parte do PP. "Fálase moito da duración da campaña. Pero o PP apenas pode ocultar que quere unha campaña en sordina, silenciada", asegurou a portavoz nacional do Bloque, que avanzou que trasladará nas próximas horas a súa proposición para reducir a campaña ao resto de forzas políticas.

Neste sentido, recoñeceu que o Bloque traballa na "redefinición" da súa campaña a desenvolver para "poder conciliar" as medidas de seguridade con "o obxectivo" de explicar o proxecto da fronte nacionalista ao conxunto dos galegos.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pousa coa lema de campaña para as eleccións do 12 de xullo. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pousa coa lema de campaña para as eleccións do 12 de xullo. BNG | Fonte: Europa Press

CRÍTICAS Á TVG

Pontón apuntou que, na actualidade, o Telexornal da TVG decida "só cinco minutos" da hora que dura en pantalla este espazo a ofrecer información sobre as distintas forzas políticas a pouco máis dun mes para a cita coas urnas.

A continuación, censurou que ao BNG corresponderíanlle "aproximadamente 28 segundos" de información electoral durante a campaña, polo que consideran preciso aumentar o espazo dedicado nos medios públicos a un "proceso tan importante" como as eleccións galegas do 12 de xullo.

Ademais de incidir en que a CRTVG debe informar con "neutralidade" e non exercer de instrumento "de propaganda" do Goberno galego, Pontón subliñou a proposta de realizar un "mailing conxunto" de todas as candidaturas, o que suporía "un importante aforro de recursos públicos".

LEMA DE CAMPAÑA

Todo iso tivo lugar na presentación da lema de campaña do Bloque, que volve salientar, como no elixido para a frustrada cita electoral de abril, a "A de presidenta" no deseño do slogan: 'Por unha nova GALIZA'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta