Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/01/2013 | Actualizada ás 19:21
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luis Méndez Ferrín, foi contundente hai unhas semanas ante a "enorme reducción" de orzamento ao que vai ser sometida esta institución en 2013, e pediu máis fondos para manter os seus servizos. Pouco despois foi o grupo de Alternativa Galega de Esquerda, quen lle pediu á Xunta máis compromiso con este organismo e mesmo alertou dun posible ERE. Ademais, AGE está disposta a dar batalla no Parlamento.
A RAG necesita preto dun millón de euros para manter o seu funcionamento actual, segundo o cálculo que realizou o seu presidente, tendo en conta tanto as súas actividades e proxectos, como as súas instalacións, a súa páxina web e o persoal funcionario que traballa xunto cos académicos no día a día. A xunta só consignou 300.000 euros nos orzamentos deste ano.
Consenso
Ante esta situación, a Xunta quere evitar iniciar unha nova guerra coa lingua galega coma cortina de fondo. Por iso, o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, fixo este martes un chamamento ao consenso con vista á xuntanza que a RAG celebra coa Xunta este mércores-
"O Goberno galego está a traballar para buscar unha alternativa e dar resposta aos seus requirimentos dentro das posibilidades das arcas públicas", suliñou Vázquez quen insistiu na "difícil situación" do erario. "Hai que loitar nun momento de crise para poder contribuír ao labor tamén importante que fai a Academia", apuntou.
"Pero, desde logo, pedindo un entendemento e buscar a aproximación entre todos, para que a RAG siga facendo ese bo traballo que vén facendo historicamente, pero entendendo que a situación dos galegos é moi difícil e entre todos debemos contribuír a que esa situación a podamos superar", incidiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.