O sector da ilustración, aínda máis esquecido e precarizado: "Nin nos citan nas axudas"

Ante unha situación de "desamparo total", os profesionais da ilustración piden que se recoñezan as súas necesidades específicas. "Non temos nada ao que agarrarnos".

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 07/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Antes da chegada da Covid-19, os ilustradores do país xa se atopaban nunha situación de precariedade laboral. "Unha porcentaxe moi alta de persoas tiña uns ingresos anuais moi por baixo do Salario Mínimo Interprofesional", concreta a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Bea Lema. Partindo, xa que logo, dun escenario nada favorable, esta nova crise non fixo máis que "agravar" a inestabilidade dos profesionais do sector e o "esquecemento" por parte das administracións.

Unha persoa pinta un cadro
Unha persoa pinta un cadro | Fonte: vadeart.com

A pesar de vivirmos nun mundo rodeado de ilustracións - presentes na prensa, na publicidade, en calquera produto, incluso nas paredes das nosas cidades -, os seus profesionais, e máis en xeral, todas as persoas creadoras, son as "grandes esquecidas" no Plan de Reactivación da Cultura e do Turismo promovido pola Xunta de Galicia. "Non nos citan en ningunha axuda. Nin sequera estamos contemplados nas medidas do sector do libro, onde sempre adoita meternos a administración", quéixase Lema, que lembra que o traballo creativo é "o eixo do resto do proceso cultural". "Atopámonos nunha situación de desamparo total, sen nada ao que agarrarnos".

UN SECTOR NON ESCOITADO

Dende a propia asociación emitiron un comunicado conxunto no que manifestan publicamente a súa disconformidade co Plan. Considérano "ambiguo, insuficiente e pouco adaptado á realidade dos profesionais da creación gráfica e da ilustración". E é que, dende este sector, existen necesidades, sensibilidades e vulnerabilidades "diferentes" que precisan dunha atención específica. Unha delas pasa pola intermitencia do traballo dos ilustradores. "Ás veces temos un encargo ao longo do ano co que subsistimos seis meses; iso non nos permite estar dados de alta como autónomos constantemente", fala Lema. "Se este estado de alarma te pillou fóra, non podes nin acollerte ás medidas xerais", engade. 

Por iso mesmo, unha das meirandes reivindicacións é o recoñecemento desta intermitencia e a creación de medidas concretas para paliar os efectos da crise. As ilustradoras propoñen un fondo de emerxencia como o impulsado no País Vasco. Tamén piden a aprobación dun estatuto de artistas que recolla unha serie de medidas nas que levan traballando dende o 2007 e que son "vitais" para o sector: "Que o cobro dos dereitos de autor sexan compatibles coa xubilación, que as publicacións subvencionadas cubran os dereitos de autor do creador, que poidamos sindicarnos, que haxa tarifas que regulen o que debemos cobrar...", enumera Bea Lema.

A SOMBRA DO XACOBEO

Ningunha destas medidas, que foron expostas á Consellería de Cultura e Turismo, foron recollidas no Plan de reactivación. Á marxe, pois, de calquera axuda, os profesionais da ilustración e o resto de creadores alviscan o futuro cunha incerteza coa que xa veñen convivindo hai moito tempo. Do recollido no Plan, Bea Lema indica que a súa ambigüidade impide que saiban se están incluídos nas axudas á creación contemporánea, e ademais, critican que estas só estean destinadas a persoas menores de 35 anos. "Non lle atopamos o sentido, os efectos da Covid non discriminan por idade", fala. A súa cuantía -150.000€- parécelles, ademais, "insuficiente".

A gran medida que presenta a Xunta, un Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 dotado, inicialmente, de 1,5 millóns de euros, tamén recibe críticas por parte do sector da creación, xa que o feito de que os traballos teñan que estar ligados á temática do Xacobeo "condiciona totalmente a creación, que debe nacer da liberdade", pensa Lema. "Non é a maneira acertada de enfocalo".

CARA A REACTIVACIÓN

Ante unhas medidas, tanto a nivel autonómico como a nivel estatal, de difícil encaixe para o sector da ilustración, os profesionais quedan desamparados, nun situación "realmente preocupante", con cancelacións de proxectos unha tras doutra. Manel Cráneo, impulsor dunha editorial de banda deseñada en lingua galega, Demo, atópase tanto no bando dos creadores coma no dos editores. Con dez anos de vida ás costas, o seu proxecto xa superara a anterior crise e agora enfróntase a "outro pau moi gordo", aínda que confía en que non sexa tan grave. 

Cráneo, que tamén está asociado á AGPI, conta que como editor "hai algunha axuda, aínda que nada magnífico", pero como creador, "estamos abandonados", a pesar de ser, como tamén dicía Lema, o primeiro paso dentro da cadea. "Que se vai editar se os autores non crean? Que pelis se van facer se ninguén escribe un guión?". Dende a súa faceta de ilustrador, Manel Cráneo vén de impulsar un micromecenado para botar a andar unha novela gráfica sobre a crise - Corona-Bios - que foi tecendo durante este confinamento. É a maneira que atopou, di, para volver encarrilar o seu proxecto logo desta crise. 

A pesar do complicado momento económico para todo o sector cultural, en concreto para creadores, e máis en concreto para ilustradores, Manel considérase optimista. Xa é "experto en crises", di. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xiz

Só unha cousa, que a temática sexa o Xacobeo (ou o mar), condiciona totalmente a creación? Vaia, vaia. Teño lido argumentos máis consistentes. Non creo eu que a maioría dos creadores poidan asumir esa afirmación, falaría pouco ao seu favor.