O ciclo de concertos 'Galicia Emerxe' reúne medio centenar de artistas e grupos

A TVG estrea o documental 'Baixo a pandemia' este 6 de xuño.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2020 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

Medio centenar de artistas e grupos profesionais galegos participarán no ciclo de concertos 'Galicia Emerxe', impulsado pola Xunta dentro do plan de reactivación do sector cultural e turístico fronte aos efectos da crise da COVID-19.

A iniciativa, segundo explicou a Xunta nun comunicado, dispón dun orzamento de 500.000 euros para achegar ingresos e liquidez económica a estes artistas, así como unha nova plataforma de difusión do seu traballo en diferentes canles audiovisuais.

Neste sentido, o proxecto conta coa implicación da CRTVG para emitir os diferentes episodios de 'Galicia Emerxe', que adaptarán o seu formato para ser difundidos tamén pola Radio Galega, así como en Youtube e en plataformas de música en streaming.

Está previsto que os concertos, dunha media hora de duración, sexan gravados durante o mes de setembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, en vivo e con presenza de público, sempre seguindo as indicacións en canto ao número de espectadores e medidas de seguridade ditaminadas para ese momento polas autoridades sanitarias.

Nesta primeira quincena do mes de xuño farase pública a convocatoria para a selección dos solistas e bandas do 'Galicia Emerxe', que deberán ser propostas por axencias ou representantes con dedicación profesional e serán elixidas por unha comisión independente atendendo a criterios como a traxectoria artística, a actividade recente ou a perspectiva de xénero, entre outros.

BAIXO A PANDEMIA

Este sábado, 6 de Xuño, a TVG estrea o documental 'Baixo a pandemia', un traballo da produtora M International Audiovisual, cuxos responsables reflexionaron, tras estalar a crise da COVID-19, acerca da necesidade que plataformas e televisións terían sobre contido relacionado con este período.

Ás poucas semanas, a TVG anunciou unha convocatoria para este tipo de iniciativas, que gañou o proxecto de M International grazas ao seu "enfoque humano e testemuñal". O feito de que o proxecto estivese "moi avanzado" fixo posible "adaptarse aos tempos e orzamento esixidos pola TVG", apuntan os seus responsables.

A gravación das 18 entrevistas, explican desde a produtora, tívose que facer cun protocolo estrito de seguridade e co "mínimo personal" posible.

Músicos en concerto. Unión de Músicos Profesionais
Músicos en concerto. Unión de Músicos Profesionais

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta