Máis de 1.000 voluntarios de Protección Civil controlarán os aforamentos na cita electoral

O uso da máscara é obrigatorio para todos os electores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2020 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

Máis de 1.000 voluntarios de Protección Civil colaborarán na organización da xornada electoral do 12 de xullo en Galicia, segundo trasladou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na reunión que mantivo este mércores con representantes das asociacións provinciais de agrupacións de voluntarios de Protección Civil, aos que agradeceu tamén o traballo feito na loita contra a pandemia do coronavirus.

Segundo traslada a Xunta nun comunicado, Rueda destacou "o importante papel" que terán os voluntarios o día das eleccións, tanto nos controis de aforamento como nos controis do persoal, xa que teñen "unha gran experiencia" no control das concentracións de persoas.

Por iso, o obxectivo da Xunta é que estes máis de 1.000 voluntarios contribúan a que a xornada electoral "se desenvolva con plena normalidade e garantías".

Deste xeito, os voluntarios poderán colaborar en evitar aglomeracións e vixiar que se respecte a distancia de seguridade, tal e como se recolle no protocolo de medidas de prevención sanitaria para a xornada electoral de 12 de xullo aprobado pola Xunta. Así, organizarán a entrada dos votantes, dando prioridade aos maiores e ás persoas con algún tipo de discapacidade.

CUMPRIR AS PAUTAS DE PROTECCIÓN INDIVIDUAIS

Tamén velarán polo cumprimento das pautas de protección individuais por parte dos electores e das persoas integrantes das mesas electorais recollidas no protocolo de medidas preventivas fronte á COVID-19.

O uso da máscara é obrigatorio para os electores, polo que ás persoas que non a traian do domicilio entregaráselles algunha das que estarán a súa disposición no local electoral, ademais de lembrarlles que deben hixienizar as mans antes de facer entrega do voto empregando o xel hidroalcohólico que haberá en todos os locais.

OUTRAS PAUTAS

Ademais, a Xunta colocará en todos os locais cartelaría para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación dentro dos locais.

Tamén se intensificará a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada e facendo fincapé nas superficies máis expostas. E o Goberno galego asumirá todos os custos que xeren estas medidas.

TRABALLO NOS ÚLTIMOS MESES

Ademais, o vicepresidente da Xunta resaltou o traballo realizado polas agrupacións de voluntarios de Protección Civil estes meses, desde que foron mobilizados pola activación en Galicia do Plan Territorial de Emerxencias.

Baixo a coordinación do Goberno galego, levaron a cabo numerosos operativos cos que velar polo benestar dos seus veciños con accións como a repartición de alimentos e medicamentos, visitas a persoas que viven soas para comprobar o seu estado ou intervencións de emerxencia.

Tamén colaboran noutras tarefas como a desinfección de lugares de elevada afluencia de persoas e apoian ás forzas e corpos de seguridade.

Urnas Galicia nas eleccións autonómicas do 21 de outubro de 2012.. EUROPA PRESS - Arquivo
Urnas Galicia nas eleccións autonómicas do 21 de outubro de 2012.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta