Política Social e DomusVi non aceptan responsabilidades sobre as mortes en residencias de maiores

DomusVi deféndese en que seguiu os protocolos das diferentes áreas sanitarias. Pola súa parte, a Consellería de Política Social asegura que desde o primeiro momento centraron a maior parte dos seus esforzos sobre as residencias de maiores. O departamento de Fabiola García recoñece que é necesario aumentar o persoal en residencias-

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

DomusVi e Política Social non senten ter responsabilidade algunha pola morte de anciáns en residencias. Ambas aseguran ter seguido as indicacións que lles eran transmitidas polas autoridades sanitarias. Os responsables da empresa e da consellería coinciden en que o aumento do cadro de persoal é algo necesario para unha mellor atención. Isto dise case un ano despois das primeiras protestas polas condicións laborais "lamentables" que denunciaron traballadores e traballadoras de DomusVi.

Residencia DomusVi Aldán, en Cangas
Residencia DomusVi Aldán, en Cangas | Fonte: DomusVi

A intervención das residencias de Aldán, en Cangas do Morrazo e propiedade de DomusVi, ademais da de Barreiro en Vigo, de titularidade pública (Xunta) mais de xestión privada (DomusVi) foi apuntada por traballadores e familiares, como  unha maneira de "tapar" a xestión deficiente por parte da empresa que en España ten por cabeza visible a Josefina Fernández Miguélez.

O PROTOCOLO COMO ESCUDO

DomusVi explica que a propia empresa arranxou o confinamento das persoas maiores das súas residencias, facéndoo por grupos de persoas que presentasen a mesma sintomatoloxía. En cada espazo de confinamento colocouse un supervisor e persoal específico para cada unidade, di a empresa. "Todo se fixo seguindo o protocolo elaborado polas diferentes áreas sanitarias, e para as persoas afectadas ou con síntimas da COVID-19, pensouse na hospitalización, o traslado a un centro integrado ou illamento no centro"

Para moitos familiares, así como para moitas e moitos dos traballadores da empresa, as solucións adoptadas desde as distintas direccións e desde a propia DomusVi chegaron tarde. Á parte, a insuficiencia de persoal tanto sanitario, xerontolóxico e de limpeza, propiciou a virulencia da COVID-19 dentro destes centros para maiores. Para moitos e moitas, detrás desta situación está a intervención en Aldán e Barreiro.

A Consellería de Política Social, preguntada sobre as intervencións e as medidas adoptadas sobre outras residencias de maiores, contesta que desde o primeiro momento da crise sanitaria "os esforzos centráronse nun ámbito de alto risco como son as residencias de maiores e persoas con discapacidade".

Segundo o departamento que dirixe Fabiola García, estas residencias, públicas e privadas, permanecen baixo a tutela das autoridades sanitarias que eran as competentes para tomar medidas sanitarias que logo debían seguir  as residencias e Política Social, segundo fontes da mesma consellería. A intervención dos centros de DomusVi en Aldán e Barreiro, segundo Política Social, fíxose "para velar por que se ofrezan as maiores garantías de seguridade para os seus usuarios".

REPARACIÓN DE ERROS?

As causas que concorreron para esta “tormenta perfecta”, tal como a definiu un familiar de usuario, estiveron acumulándose durante anos. Primeiro a falta de persoal cualificado, a falta dun ratio de persoal-usuarios que permita unha atención axeitada aos maiores, falta de contratacións suficientes para equipos de limpeza e falta de equipos médicos suficientes. Todo isto xa o denunciaran no seu día traballadoras de residencias para maiores. Aínda máis, DomusVi declara que se abrira unha bolsa de traballo, con ofertas en webs de emprego, para aumentar o persoal.

"Unha bolsa de contratación en webs de emprego" di Sonia Jalda, de TREGA. "Ninguén quería ir traballar en condicións laborais lamentables, con horarios e quendas interminables". Detrás dese sistema de traballo estaba a aparición de persoal do SERGAS durante a intervención, para facer fronte ás deficiencias denunciadas desde os colectivos de traballadores e sindicatos.

"Houbo casos de familias que despois de hospitalizar un familiar e de dar positivo por COVID-19, se negaron a levalo de volta a DomusVi" sinala Javier, familiar afectado. "Había días en que entrabas e só vías usuarios mais a ninguén do persoal". El mesmo conta como un día "esperei que unha empregada de limpeza acabase para poder entrar eu". Cando esa empregada acabou el preguntoulle se estaba soa para todo o andar. "Si, é que teño que ter acabado todo ás dúas da tarde, cando saín eran as dúas e aínda estaba fregando".

CONSECUENCIAS

Segundo as familias, os seus representantes legais, persoal e sindicatos, a política de recortes en DomusVi levou a reducir tanto os orzamentos que, xunto a falta de contratacións tamén afectou aos menús dos usuarios, trouxo ameazas a traballadoras, contratación de persoal en prácticas sen continuidade e por último, o silencio institucional por parte do goberno Feijóo. Sobre o presidente da Xunta, os colectivos de traballadores e traballadoras din que é o responsable último do acontecido por non obrigar a dimitir a Josefina Fernández, xerente para toda España de DomusVi.

As consecuencias para Política Social serán que "as residencias necesitarán dunha reformulación en toda España en aspectos como as prazas ou o número de persoal con coñecementos sanitarios". 

Pola súa parte, DomusVi di estar modificando dinámicas en previsión de infeccións para o outono. "Estamos creando dobres circuítos asistenciais para a separación de persoas afectadas das que non están". Tamén sinalan a creación de planos de continxencia para cada centro e planos globais en caso dunha nova epidemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Aforramos en lixivia e enterramos aos vellos sen autopsias, así todo queda na casa ! https://twitter.com/00Gamela/status... Agora o señor de Galapagar repite unha e mil veces que as competencias están transferidas e son as autonomías as que deberan solucionar os problemas do confinamento manu militari (?) A ver se a culpa vai ser do exército que non limpou ben as instacións (?) Outra vaca máis no millo e aquí seguiremos dicindo que este goberno é PROGHRESISTA do carallo !!!