Protesta contra un "bipartito" de "telenovela" en Santiago

A lea no PP de Compostela dexenera en guerra entre La Voz e El Correo. O PSdeG ve desgoberno, o BNG insiste en que o alcalde imputado debe dimitir, Anova apoia a manifestación cidadá deste domingo e EU quere eleccións xa.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/01/2013 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

A Plataforma contra a Corrupción Municipal de Santiago convoca unha manifestación este domingo. A marcha na que se pedirá a demisión do alcalde Ángel Currás (PP) comezará as 12.00 horas.

EL Correo vs La Voz ao fío da Pokemon en Santiago
EL Correo vs La Voz ao fío da Pokemon en Santiago | Fonte: kiosko.net

O Concello paralizado pola liorta interna

Ademais da imputación de Currás e da concelleira de Educación Rebeca Domínguez, a plataforma apunta ás evidentes tensións dentro do propio grupo de goberno do PP. 

Fontes da oposición indicaron que o ambiente entre os concelleiros conservadores é tan malo que nin se falan, critícanse en público ante os medios e evitan asinar calquera documento que poida rozar as competencias dun compañeiro. O resultado é un auténtico caos na administración municipal, lastrada ademais pola imputación de varios funcionarios.

U-lo segredo de sumario?

A situación é tan grave entre os conservadores composteláns que o secretario xeral do PP galego reclamoulles o venres aos concelleiros "unidade e concentración". Alfonso Rueda argumenta tamén que a declaración de Currás no xulgado o xoves non aportou novos datos, polo que dá entender que polo de agora non demitirá.

Paula Prado e Angel Currás
Paula Prado e Angel Currás | Fonte: santiagodecompostela.org

Cómpre lembrar que tal declaración está baixo segredo de sumario, polo que en teoría só Currás, o seu avogado e a xuíza saben de que se lle inculpa. En todo caso, no PPdeG son conscientes de que, dada a prominencia institucional do alcalde da capital de Galicia, manter a Currás como alcalde imputado suporía un desgaste enorme para o partido a medio prazo, sobre todo con tal grao de división interna.

El Correo saca unha foto de Paula Prado cos Hare Krisna

Ademais dous bandos, o encabezado por Ángel Currás e o encabezado co apoio do aparato do PPdeG por Paula Prado, seguen a intercambiar golpes mediáticos. Currás continúa tirando do apoio de El Correo Gallego, diario da capital que hoxe titula "Ni Currás presionó a Rebeca ni nadie manipuló en Informe". El Correo desminte así a explosiva portada de La Voz do xoves.

O diario da Coruña está aliado cos críticos con Currás, co visto e prace da dirección do PPdeG, unha das súas principais fontes de financiamento a través dos convenios da Xunta. A lea é tal que o venres El Correo ilustraba unha información crítica con La Voz cunha foto da posíbel nova alcaldesa, Paula Prado, nunha manifestación dos Hare Krisna.

Teléfonos pinchados

Pero o certo é que no fondo un bando e outro pelexan coas mans atadas. O aparato do partido pide calma e ninguén sabe que filtrar en contra dos seus rivais. O sumario é segredo e acusar, por exemplo, a un concelleiro de ter recibido importantes regalos (a filial do presunto centro da trama corrupta Vendex) pode volverse en contra dun compañeiro do propio bando.

No Pazo de Raxoi goberno e oposición sospeitan que todos os teléfonos importantes están 'pinchados' dende hai meses. Ninguén sabe de que fíos pode tirar a xuíza, 'trapicheos' cos medios de comunicación incluídos.

A oposición critica pero faino dividida

Mentres a oposición tenta botar sal nas feridas abertas nos conservadores. Faino, iso si, dividida e lastrada pola seguridade de que a xuíza Pilar de Lara tamén está a investigar a membros do anterior goberno de PSdeG máis BNG. Do anterior goberno hai varios concelleiros imputados ou que serán chamados a declarar. Non se sabe polo de agora os seus nomes.

"O goberno bipartito do PP ten que empezar a xestionar e gobernar a cidade e non seguir facendo oposición á oposición", denuncia o voceiro do PsdeG Francisco Reyes. Ademais, os socialistas solicitan que o alcalde dea explicacións nun pleno extraordinario ante a evidente crisis de goberno.

"O alcalde imputado aférrase ao cargo e prolonga o desgoberno municipal", aseguran dende o Bloque. O seu líder Rubén Cela denuncia que "o alcalde saíu dos xulgados de Lugo igual que entrou: como imputado, porque a súa versión dos feitos non foi de exculpación”.

O ex-director xeral de Xuventude meteu o dedo nunha das feridas que divide aos concelleiros do PP. A prórroga de certos contratos a determinadas empresas, que seguen a traballar para o municipio malia que caducase a adxudicación. Unha desas empresas é Sermasa, ademais doutra empresas de servizos de limpeza e dúas de telecomunicación. “Seguimos coa certeza de que existen empresas que prestan servizos para o Concello de Santiago sen contrato, sen ningún tipo de respaldo xurídico, sen que o Concello lles pague dende o mes de xuño de 2012 e sen que esas empresas lles paguen regularmente aos traballadores e ás traballadoras”, sinalou Rubén Cela. “Estes problemas do PP empezan a coller tintura case de telenovela venezolana", conclúe Cela.

Anova apoia a manifestación do domingo

Dende fóra do Pazo de Raxoi os socios na coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE) tamén tomán posicións, conscientes tras seren os segundos máis votados nas eleccións do 21 de Outubro de que teñen unha gran oportunidade de chegar á alcaldía nos próximos comicios.

Anova, a forza de Xosé Manuel Beiras apoia a manifestación do domingo contra Currás. Os irmandiños tamén lle arrean ao PSdeG, por suposta falta de liderado, e ao BNG, por supostamente actuar como "convidado de pedra".

Dende Esquerda Unida reclámase a disolución do goberno municipal e a convocatoria inmediata de eleccións. E un terceiro socio de AGE, os Ecosocialistas, presentan unha moción a prol da "radicalidade democrática" e a "transparencia" no pleno e cualifican o "espectáculo" dado polos conservadores de "caótico".


Rebeca Domínguez e Angel Currás
Rebeca Domínguez e Angel Currás
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

6 antiburras

Pouca xente moven os agetes. Apenas 100 persoas (e iso contando os ipods como manifestantes)

1 Non eran eles

So habia dous ou tres oportunistas de age.

5 Constitución de Anova Ferrol

Constituida Anova Ferrol, composta por 18 persoas, das que 4 abandonan xa na asamblea constituinte. O coordinador será unha persoa de fora da comarca https://docs.google.com/file/d/0ByI...

4 eusi

Sr xornalista, desterre a palabra APORTAR do seu vocabulario, a non se que queira falar dun navío que chega a porto.

3 Negrín

Saúdos, aí vai un chiste da TV3 http://www.youtube.com/watch?v=f4D3...

2 toupa

É falso que Anova seja a unica força que apoia a manifestaçom

1 John Balan

Qué mais da! se o problema non é mais que os cartos non chegan para todos pola suposta crise, cando chegaban para todos non había problema. Aquí cada uns tiran para os seus, La Voz para uns, Correo para outros e GC...xa sabemos para onde tiran. Dificíl que vexas por aquí que o bipartito Irisarri-Yolandita ghrandes despachos tamén está sendo investigado xudicialmente na operación Pokemon e outros procesos. Mais concretamente a adxudicación da xastión do teatro Jofre que levaba precisamente a inclita. Por certo, gran protagonismo ten agora IU en Santiago por capricho de Beiras, IU que fan os mesmos recurtes sociais en Andalucia que o PP noutros lares, e están a boicotear o proceso soberanista en Catalunya.

2 Ameneiro

Esquerra Unida i alternatiba boicotea o proceso de soberania de Catalunya sen o apoio de Iniciativa? E iso de onde o sacaques?

3 John Balan

Izquierda Unida xa se posicionou e non para de repetilo pola Republica federal e contrario a independencia que tacha de insolidaria e contraria ao internacionalismo proletario. Mira ti agora entraronlles a vea proletario cando dende o 76 que Carrillo bicou a bandeira bicolor, fixo a xenuflexión ante o Borbón e sancionou a constitución burguesa, non fixeron mais que traicionar as clases traballadoras. Ademais de tapado pon últimamente as suas plumas a estigmatizar a nacionalistas e nacionalismo en canto medio alternativo e de esquerdas hai. Ao final o uneco que lles interesa, a todos sen excepción é o poder ao prezo que sexa. Agora IU que sigue coa opacidade das suas contas, quere levar ao xuiz Garzón de candidato. Non son alternativa a nada, son mais do mesmo

4 toupa

GC limita-se a omitir "unica" ...Pois um ex-leitor desta web diz : adeus

5 Ameneiro

Agardo que os teus coñecementos da Galiza sexan mellores que os do Principat. IU en Catalunya ten coma referente a Esquerra Unida i Alternativa (EUiA), mas o socio grande desa coalición electoral é ICV (Iniciativa per Catalunya Verds). E ambas están a favor do Dret a Dicidir, e si pode que aposten por un estado Federal, modelo que o Estado Español, rexeita, así que se teñen que escoller, cando menos as bases de ICV, entre Estado Español Central e Estat Catala, apostaran por este (e ten narices que os defenda eu que aturei aos gossos de saura). Por outro lado non é IU quen apostou polo candidato Garzón, senón unha das correntes internas (Izquierda Abierta). E dentro de IU, e a sua relativa pluralidade, tamén está a CUT-BAI, partido político nacionalista de Andalucía.