Feijóo insiste en estender o Xacobeo ata o 2022 para salvar "a mellor edición da historia"

Recoñece que a decisión depende, en última instancia, da Igrexa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2020 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo ter "fe" en buscar "algunha solución para ampliar o Xacobeo durante varios meses" do ano 2022, pero lembrou que está vinculado ao que dite a Igrexa católica co Ano Santo, dado que é a súa "decisión exclusiva".

Así o explicou o mandatario galego durante a quenda de preguntas dos medios no encontro dixital organizado este luns por Europa Press, no que lamentou que "o mellor Xacobeo da historia" que preparaba a Xunta para 2021 se vexa limitado pola pandemia da COVID-19 deste ano.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, intervén no Almorzo informativo de Nova Economía Forum celebrado en Madrid
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, intervén no Almorzo informativo de Nova Economía Forum celebrado en Madrid | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press

A idea do presidente pasa por "ampliar" a medida estrela do seu goberno pasa repartir "en ano e medio" o número de pelegríns a recibir, que o presidente cifrou entre 8 e 9 millóns de persoas. Semanas atrás, o presidente expuxo ao Arcebispado a extensión, unha decisión que, volveu a recalcar, "lle corresponde á Santa Sé".

"Imos ver se obtemos esa autorización da Igrexa, concretamente de Roma, porque polo que dixo o arcebispo de Santiago é unha decisión máis da Santa Sé que da Igrexa española", sentenciou.

UN PLAN "SEN FUTURO A LONGO PRAZO"

A insistencia de Feijóo coa ampliación do Xubileo, para o que só existen dous precedentes históricos -un deles na Guerra Civil-, vén dada polo papel central da medida na estratexia económica que da Xunta, que algúns expertos caracterizan de "inexistente" á marxe do Ano Santo. O doutor en Economía pola USC Adrián Dios considera que se trata dun plan "sen futuro a longo prazo". "A Xunta pretende encher Galicia de millóns de persoas como se fose a supoñer un punto de inflexión no noso desenvolvemento", unha estratexia que ve "arriscada" e "cunhas perspectivas de crecemento limitadas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta