A Xunta adxudicou á empresa da que é directiva a irmá de Feijóo máis de 1,5 millóns no último ano

Eulen tivo a principal adxudicación xusto antes da crise do coronavirus, pero tamén recibiu outra contrata pública hai un mes, cando se reactivaron os concursos públicos tras a crise da COVID-19.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 15/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Eulen, a empresa da que Micaela Feijóo, a irmá do presidente da Xunta, é delegada para toda a zona noroeste, contratou servizos por valor de 1.564.522,97 euros coa Xunta de Galicia no último ano, sendo os últimos meses, antes da crise do coronavirus, os máis intensos en canto á adxudicación de concursos públicos.

Micaela Feijóo saúda ao seu irmán tras a victoria electoral de 2009
Micaela Feijóo saúda ao seu irmán tras a victoria electoral de 2009

Así, esta empresa que ten divisións de limpeza, mantemento, seguridade, medio ambiente, servizos auxiliares, sociosanitarios e traballo temporal, contratou con diversas consellerías e entidades dependentes do Goberno galego, entre elas, a Consellería do Medio Rural, a Fundación Rof Codina, a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., Seaga, a Consellería de Cultura e Turismo, o Centro Tecnolóxico do Mar-CETMAR, a Fundación Cidade da Cultura ou a Fundación Deporte Galego.

A principal adxudicación tivo lugar xusto antes da crise do coronavirus. Trátase do Servizo de seguridade privada para a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. por un montante total de 554.180,00€ nun concurso adxudicado o 17 de febreiro deste ano. Pero a empresa tamén recibiu outra adxudicación pública hai un mes, o pasado 14 de maio, cando se reactivaron os concursos públicos tras a crise da COVID-19. Trátase dun dos lotes do Servizo de retén de maquinaria pesada para a extinción de incendios forestais nos distritos forestais de Galicia no ano 2020 por 46.223,55€.

Segundo a información á que tivo acceso Galicia Confidencial, durante o último ano, o número de concursos adxudicados pola Xunta ascenden a un total de nove. Pero no 2020 tamén resultou adxudicataria da Prestación do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais do concello de Castro de Rei, gobernado polo PPdeG, por un montante total de  39.325,00€.

LISTAXE DOS CONTRATOS ACADADOS NO ÚLTIMO ANO

En total, GC tivo acceso a dez contratos que suman un total de 1.603.847,97 euros. Son os seguintes:

- Servizo de retén de maquinaria pesada para a extinción de incendios forestais nos distritos forestais de Galicia no ano 2020. (18 Lotes). Adxudicado por 46.223,55€ e publicado o 14-05-2020
- Servizo de coidado e limpeza do Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET) de Lugo Fundación Rof Codina. Adxudicado por 104.034,70€ e publicado o 5-02-2020
- Servizo de seguridade privada para a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., adxudicado por 554.180,00€ e publicado o 17-02-2020.
- Contratación por lotes da limpeza, apeo de arborado e retirada de biomasa na zona de dominio público de varias estradas autonómicas na provincia de Pontevedra por Procedemento Aberto Simplificado, para a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. Adxudicado un lote por 32.472,77€  e publicado o 23-01-2020
- Servizo de xestión dos fondos bibliográficos, así como doutro material dependente da Consellería de Cultura e Turismo, depositados nun almacén do polígono do Tambre, en Santiago de Compostela. Adxudicado o 120.903,20€ e publicado o 29- 01-2020
- Servizo de recepción e labores auxiliares de apoio do edificio do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo (CETMAr). Adxudicado o 41.745,00€ e publicado o 26-11-2019
- Contratación do servizo de apoio técnico e mantemento para as actividades e eventos institucionais da Cidade da Cultura de Galicia. Adxudicado por 123.164,17€ e publicado o 08-10-2019
- Obras de tratamentos silvícolas preventivos para a redución e descontinuidade de combustible mediante rareos, rozas e podas cofinanciadas coa submedida 8.3 do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. 27 lotes.  Adxudicados tres lotes por 159.739,20€, 147.352,31€  e 149.342,57€ e publicados o 12-06-2020
- Servizo de xestión do Complexo Acuático de Monterrei (Pereiro de Aguiar, Ourense) para a campaña de verán 2019. Adxudicado por 85.365,50€ e publicado o 26-06-2019
- Prestación do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais. Adxudicado por 39.325,00€, e publicado o 20-09-2019

MICAELA NÚÑEZ FEIJÓO

Micaela Núñez Feijóo é desde o 2016 directora da zona noroeste do Grupo Eulen, ámbito no que atende ás delegacións de Galicia, Asturias e Castela e León e, polo tanto, é a encargada de xestionar todos os concursos que teñen que ver con administracións e empresas privadas desa zona, incluída, obviamente, a Xunta de Galicia.

Previamente, a irmá do presidente galego foi directora provincial de Vigo e Pontevedra e delegada rexional de Galicia da empresa de xestión de servizos. Tamén figurou como apoderada noutras empresas do mesmo grupo, como Eulen Servicios Sociosanitarios, Eulen Seguridad e Flexiplan, a Empresa de Traballo Temporal con sede na compostelana Rúa das Galeras.

Eulen naceu hai 50 anos tendo unha primeira liña de negocio que foi a limpeza, pero diversificouse e agora ten sete liñas: limpeza, mantemento, seguridade, medio ambiente, servizos auxiliares, sociosanitarios e unha división de traballo temporal.

Segundo recolle a súa web, o Grupo EULEN conta con máis de 7.000 clientes en 14 países, máis de 90.000 empregados en persoal, máis de 60 servizos no mercado e vendas que superan os 1.500 millóns de euros en 2018.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta