Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/06/2020 | Actualizada ás 20:47
O presidente de Vox, Santiago Abascal, afirmou que o seu partido "vai entrar" no Parlamento de Galicia e será "a áncora para evitar a deriva nacionalista" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que acusa de "falar de Galicia nun sentido patrimonial" como "un nacionalista". Así o manifestou este venres en Ourense nun acto de presentación da cabeza de lista pola provincia, María Jesús Fernández, ás próximas eleccións autonómicas do día 12 de xullo.
O líder de Vox referiuse ás palabras de Alberto Núñez Feijóo cando dixo que "Vox non ten cabida en Galicia" para expresar que esa frase lle parece "propia dun nacionalista que fala de Galicia nun sentido patrimonial.
"Só lle corresponde aos galegos dicir nas urnas quen ten cabida en Galicia", afirmou Santiago Abascal. Neste contexto, subliñou que a súa formación se presenta ás eleccións galegas para "combater as veleidades nacionalistas de Núñez Feijóo", un presidente da Xunta que "actúa coma se dirixise un casarío e non un Goberno nacional".
Así mesmo, cuestionoulle a Alberto Núñez Feijóo "que é exactamente o que lle agradece da xestión fronte á Covid-19 ao PSOE e a Podemos". Abascal mostrou a súa "perplexidade" ante o feito de que Feijóo "mostre o seu encomio" a un Goberno que "usa á Policía para perseguir os manifestantes pacíficos que protestan pola xestión da pandemia".
"Vox non será cómplice da esquerda galega para entregar Galicia a Pedro Sánchez e a Pablo Iglesias", continuou Abascal. No acto, dixo que "Vox non vén gañar en Galicia" para a continuación engadir un "aínda".
"Vox di que ten cabida en Galicia porque xa o dixeron 115.000 galegos", incidiu en referencia aos resultados obtidos nas últimas xerais que non serviron para lograr representación por Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.