A Deputación de Pontevedra recadou 129 millóns a través do servizo de xestión tributaria

Carlos López Font, delegado do ORAL, o servizo de recadación, declarou que o labor do ente provincial foi o dunha "administración" madura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2020 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

O deputado delegado do ORAL, Carlos López Font, presentou este luns a memoria de actividade en 2019 do servizo de xestión tributaria da Deputación de Pontevedra que ten como finalidade informar e asistir ao contribuínte, así como xestionar, liquidar, inspeccionar e recadar os tributos e demais ingresos públicos dos concellos e doutras entidades públicas que o deleguen. En concreto, recadou uns 123 millóns de euros o exercicio pasado.

Así, ao longo do ano pasado, e despois do proceso de modernización e mellora do organismo, xestionáronse valores por 217,8 millóns de euros e recadáronse impostos e tributos de 53 concellos e nove entidades locais, o que mostra, en palabras do deputado, "a confianza dos concellos na xestión do ORAL". Son 1,3 millóns de euros máis que en 2018 e ata 20 máis que en 2015.

En cando ás recadacións, o volume ascendeu en 2019 a 122,9 millóns dos que 96,6 (o 78,6% do total) correspóndense con concellos de menos de 20.000 habitantes. O 87,3% dos cobros, 107,3 millóns de euros, realizouse en período voluntario.

Carlos López Font incidiu especialmente na modernización e esforzos na mellora da xestión do ORAL, que se traducen no aumento da porcentaxe de cobro en período voluntario dos padróns de tributos locais con maior poder de recadación como o IBI (67,6 millóns de euros en total dos que 60 foron en voluntario), as taxas de lixo e auga (20,1 millóns de euros, dos cales 18,5 en voluntario) e o IAE (co 91,5% cobrado en período voluntario). En leste mesmo campo, tamén destacou o deputado o aumento "notable" das domiciliacións, con máis de 35.000 nun ano.

Ademais, para López Font, foron claves as campañas de información, a web do ORAL estreada o ano pasado e a Oficina Virtual Tributaria lanzada en febreiro do 2019 e que neste dez meses rexistrou máis de 717.000 transaccións.

O deputado aproveitou a oportunidade para subliñar o papel do ORAL durante a crise da COVID-19 e agradecer a implicación do persoal. "Tivo unha resposta áxil e efectiva, propia dunha administración moderna e madura, para minimizar o impacto nos concellos e nas persoas contribuíntes", subliñou Font quen destacou, entre outras cuestións, a paralización do calendario fiscal, a flexibilización dos pagos sen intereses, o reforzo das liñas de atención telemática, a posta en marcha da chave segura e a app móbil en colaboración con Abanca para o pago dos tributos.

Ademais, durante a crise sanitaria reforzáronse os asesoramentos aos concellos en materia de implantación de medidas fiscais e anticipáronse 63,6 millóns de euros, así como se puxo en marcha un fondo extraordinario de anticipos dotado de 21 millóns de euros dirixidos aos concellos.

En canto ás novas iniciativas de cara ao futuro, Font adiantou o lanzamento dunha liña para facer máis fáciles os pagos para a cidadanía e pemes e a aposta por "materializar con seguridade xurídica os incentivos fiscais que os concellos consideren introducir nas súas ordenanzas de 2021".

O deputado responsable de Economía no Goberno provincial da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
O deputado responsable de Economía no Goberno provincial da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta