Un estudo contradí as conclusións do informe da Xunta que aseguraba a "boa calidade" do aire galego

Ecoloxistas en Acción asegura que máis da metade dos galegos respiraron aire contaminado en 2019.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2020 | Actualizada ás 10:32

Comparte esta noticia

O informe anual sobre a calidade do aire no Estado español de Ecoloxistas en Acción conclúe que 1'3 millóns de galegos estiveron expostos a niveis de contaminación que superan as recomendacións da Organización Mundial da Saúde en 2019. O informe, elaborado por Ecoloxistas en Acción, analiza os datos recollidos en 54 estacións oficiais de medición da calidade do aire situadas no noso país, pertencentes ás redes da Xunta, o Estado e diversos concellos. 

Aire contaminado
Aire contaminado | Fonte: pixabay.com

 

Segundo conclúe o estudo, os niveis de contaminación atmosférica -estables con respecto a 2018- non supuxeron cifras ilegais de acordo coa lei estatal, pero si supera os valores máximos recomendados pola OMS e o tope sinalado pola UE para a protección a longo prazo da vexetación. As mostras de aire máis nocivas foron rexistradas nas cidades, como consecuencia do tráfico constante, pero tamén nos arredores de centrais termoeléctricas e demais plantas de industria pesada, como a refinaría de petróleo.

 

Así, e sempre segundo recolle o informe, na contorna das fábricas de ALCOA San Cibrao, MEGASA (Narón), FINSA-Santiago e da central de carbón de Meirama rexistráronse superacións do valor medio anual para as partículas PM2,5  recomendado pola OMS. Na área de influencia de ALCOA San Cibrao tamén se superou o valor medio diario para SO2, o mesmo que na da refinaría de REPSOL, aínda que o maior número de incumprimentos volveu a ser recollido, un ano máis, nas proximidades da cementeira de COSMOS en Oural (Sarria).

 

10.000 MORTES AO ANO

 

Dende a organización emprazan ás autoridades a considerar a contaminación do aire como un "problema de saúde pública de primeira orde", xa que, segundo o Instituto de Saúde Carlos III, trátase dunha problemática que cobra a vida de 10.000 persoas no conxunto do estado cada ano. Estes falecementos concéntranse en episodios de alta contaminación, como foron os rexistrados a finais de febreiro e xuño e a mediados de xullo de 2019 que provocaron 150 falecementos en Galicia.

 

O informe de Ecoloxistas en Acción contradí as conclusións do estudo da Xunta, que unhas semanas atrás aseguraba que a calidade do aire galego era "moi boa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta