Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/07/2025 | Actualizada ás 22:20
Por moito tempo dímolo por feito. O mar estaba aí, eterno, insondable, poderoso. Capaz de engulir treboadas e devolver calma. Pero algo mudou. Non se trata dunha anécdota climática nin dun sobresalto estacional: estamos asistindo a unha transformación lenta pero irreversible. Unha metamorfose no corazón azul do planeta. E, aínda que non o vexamos dende a costa, as consecuencias xa se deixan sentir. O océano está mudando. Quéntase, estratifícase, afógase... E o que é peor: vólvese ácido. A investigadora do Instituto de Ciencias Mariñas de Andalucía (ICMAN-CSIC) e vicedirectora do centro, Enma Huertas Cabilla, ofreceu unha conferencia titulada 'Cambio climático e océano: a ameaza global a escala rexional' no marco das xornadas da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) 'Velando pola nosa relación co mar. Os mares dannos vida'. Con rigor e datos explicou por que deberiamos deixar de chamarlle 'Terra' a este planeta. "Que inapropiado é chamalo así, cando debería chamarse Océano", sentenciou.
E con razón. O océano cobre o 70 % da superficie do planeta e contén o 97 % da auga. Dende 1971, absorbeu o 90 % da calor adicional provocada polas emisións de gases de efecto invernadoiro antropoxénicas e, na última década, captou o 26 % do CO2 emitido pola actividade humana. É o gran sumidoiro. O amortiguador climático. E tamén é produtor do 50 % do osíxeno atmosférico, ao mesmo nivel que os bosques terrestres. "Iso é algo que moitas veces non se sabe: o importante que é o océano para o planeta; non só vimos del, senón que tamén lle debemos todo o que somos", resalta Huertas. Pero ese papel heroico ten un prezo. O océano non é un espectador pasivo, é unha vítima activa do quencemento global. E a evidencia, como explica a investigadora, xa non pode ocultarse baixo as ondas.
UN OCÉANO CADA VEZ MÁIS CÁLIDO... E ESTRATIFICADO
Dende mediados do século XX, a calor acumulada nos primeiros 700 metros da columna de auga, xerou unha maior estratificación. O océano, que funciona coma un sistema de autoestradas de auga con masas que se desprazan segundo a súa temperatura e salinidade, está vendo alterada a súa circulación natural. Esta separación en capas afecta aos organismos fotosintéticos que viven na superficie --os responsables dese 50 % do osíxeno que respiramos--, pero tamén reduce a difusión de osíxeno cara o fondo, afectando a toda a cadea de vida mariña.
E, ao quencemento progresivo, súmanse fenómenos aínda máis extremos: as ondas de calor mariñas. Definidas como períodos de alo menos cinco días consecutivos --esta cifra pode variar segundo o organismo que realice as medicións-- con temperaturas do mar por enriba do umbral climatolóxico, estas ondas duplicáronse dende 1982. A súa duración aumentou, ademais, un 50 % no último século. "Os impactos máis evidentes son a mortalidade masiva de organismos, a alteración de procesos bioquímicos, enzimáticos... Todo está conectado, non podemos falar de procesos independentes entre si", advirte Huertas.
CASOS CONCRETOS: DO OCÉANO AUSTRAL ÁS RÍAS GALEGAS
Un dos focos de estudo máis claros é o océano Austral, que representa o 15 % do océano global e absorbeu o 70 % da calor. Dende 2015, as ondas de calor mariña aumentaron en frecuencia, duración e intensidade nel. Paradoxicamente, isto produciu un incremento da produción primaria nalgunhas zonas por maior estabilidade da capa superficial e concentración de nutrientes como o ferro. Pero isto, lonxe de ser unha boa nova, trouxo consigo un desacoplamento na cadea trófica: booms de algas fóra de sincronía co zooplancton que debería alimentarse delas. "É coma unha cadea de dominó: caen unhas fichas onde non teñen que caer e tiran o resto", explica Huertas.
En Galicia, a situación tamén é preocupante. Entre 1982 e 2020, a temperatura superficial das rías aumentou entre 0,07 e 0,25 ºC por década, afectando ao afloramento e á produtividade. Investigacións da UVigo estiman que as ondas de calor mariñas aumentarán nos escenarios previstos de cambio climático, e moitas zonas poderían alcanzar condicións térmicas incompatibles coa vida de bivalvos, como mexillóns, berberechos ou ameixas, base da economía marisqueira galega. "O mar non se vai acabar, pero imos cara un océano diferente, xa non é o que viviron xeracións pasadas", advirte a investigadora.
ACIDIFICACIÓN: O SILENCIOSO CAMBIO QUÍMICO
Quizáis o cambio máis radical e invisible é o da acidificación oceánica. "Cando eu nacín, en 1971, había 326 partes por millón (ppm) de CO2 na atmosfera. Hoxe hai 430. En 54 anos, serán 100 ppm máis. Non é catastrofismo, é información certera que dá a ciencia", sinala Huertas. Así, unha parte dese CO2 non queda no aire: o océano absorbe 10 xigatoneladas de CO2 ao ano. Este gas, ao entrar na auga, forma ácido carbónico, que se disocia en bicarbonato e protóns. Estes últimos reducen o pH e capturan os ións carbonato, esenciais para que os organismos calcificadores formen as súas cunchas e esqueletes. Dende a era preindustrial, o pH oceánico descendeu 0,1 unidades, o cal é un cambio enorme dada a escala logarítmica.
"Hai zonas que xa se volveron corrosivas: se hai máis carbonato no esquelete dun organismo que na auga, este disólvese como o zucre, o que afecta non só aos corais, senón tamén aos moluscos, ao plancton e a toda a base do ecosistema en xeral", alerta a investigadora. Por exemplo, os copépodos --claves na dieta dos peixes-- perden mobilidade; os peixes paiaso, desoriéntanse; as medusas, ven afectado o seu ciclo reprodutivo; e organismos como a Cliopiramidata --base da alimentación dos boqueróns--, defórmanse ou desaparecen a altas concentracións de CO2.
EXEMPLOS EXTREMOS: DA GRAN BARREIRA DE CORAL Á ANTÁRTIDA
A Gran Barreira de Coral, monitorada dende fai décadas, perdeu un 13 % de biomasa de corais Porites neste século. Os modelos prevén un descenso adicional do 20 % ata 2100. A Antártida, con zonas protexidas como santuarios de biodiversidade, verá caer o pH 0,36 unidades nos primeiros 200 metros. Agárdase ademais a formación de zonas completamente corrosivas para organismos calcáreos. E, no Atlántico Norte, a corrente do Golfo, que regula o clima europeo, transporta xa augas cálidas e moi cargadas de CO2 cara o fondo, provocando a acidificación profunda, que compromete a supervivencia dos corais de augas frías que manteñen a biodiversidade ata as Azores. "O que pasa na Antártida non queda na Antártida, comémonolo aquí", advirte Huertas.
O ESTREITO DE XIBRALTAR: CENTINELA DO MEDITERRÁNEO
Hai un lugar, tan estreito como estratéxico, onde o océano fala con claridade: o Estreito de Xibraltar. Con apenas 13 quilómetros de ancho, é o único punto de conexión entre o mar Mediterráneo e o océano Atlántico. E, como explica a investigadora, converteuse nun laboratorio natural privilexiado para observar como o cambio climático está alterando as augas profundas do planeta. "Dende alí sae toda a auga contida en 2,5 millóns de quilómetros cadrados que mide o Mediterráneo. E faino en dúas capas: en superficie, unha capa atlántica; por debaixo, a auga máis quente e salgada do Mediterráneo", explica. En realidade, esta última non é só unha masa: hai varias capas de orixe distinto, como a levantina, máis vella e formada en Turquía; e outra máis nova formada no Golfo de León, entre Francia e Cataluña.
En colaboración coa Universidade de Málaga, o CSIC instalou un fondeo permanente de sensores na parte profunda do estreito --proxecto GIF--, onde se mide CO2, pH, salinidade, temperatura e osíxeno en continuo. É un sistema de observación clave para entender a evolución do Mediterráneo fronte ao cambio climático. "O que acontece en Xibraltar non ocorre en ningún outro lugar do mundo", afirma Huertas. Os datos non deixan lugar a dúbidas: todas as masas de auga mediterráneas que pasan por alí están amosando acidificación. En todas, aumentan os niveis de carbonato, o 'cemento' preciso para que os organismos mariños formen as súas estruturas calcáreass. E as proxeccións ata 2100 apuntan a que estas augas non ofrecerán condicións aptas para a calcificación, o que ameaza directamente aos ecosistemas mariños... e ás comunidades humanas que dependen deles a nivel socioeconómico.
GALICIA TAMÉN OBSERVA
O grupo do CSIC en Vigo foi pioneiro no estudo do ciclo do carbono en España. Os seus rexistros nas rías galegas evidencian un descenso continuado do pH, especialmente nas augas interiores. Están instalando sensores en estacións fixas para monitorar este cambio, co apoio de redes internacionais como as impulsadas pola UNESCO e o obxectivo de desenvolvemento sostible (ODS) 14. Actualmente, tal e como destaca a investigadora, hai solucións para semellante desastre, pero só dende o coñecemento: "A solución é ciencia. E boa ciencia. Non serve de nada coller unha pancarte e ir gritar fóra, porque non che van facer caso. Vanche facer caso se presentas un resultado. Galileo foi condenado, pero agora ninguén o nega", conclúe, apuntando a que a mitigación pasa por reducir emisións, pero tamén por restaurar ecosistemas costeiros: pradairos oceánicos, manglares, marismas... E por soster redes de observación científica a longo prazo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.