Como foron as entrevistas do Goberno Aznar sobre o Prestige

Rodolfo Martín Villa iniciou un programa controlado e preciso de entrevista nos principais medios de Galicia para lavar a imaxe do PP. Rodolfo Irago, Severino Cagide, Eugenio Eiroa, Tino Santiago, Fernando González Macías, Carlos Luis Rodríguez, Manuel Suárez, Lois Blanco, Javier González Méndez ou Ignacio Capeáns foron algúns dos seus entrevistadores. GC publica o dossier sobre o tratamento específico en cada entrevista.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 31/01/2013 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Tal e como xa informou GC en novas precedente, o Executivo de Aznar preparou un extenso plan de comunicación para intentar modificar a nefasta imaxe tras o afundimento do Prestige. A comezos de 2003 prepara un dossier sobre os principais actores dos xornais galegos e tamén das radios e televisións así coma dos seus directores e principais xornalistas encargados da información sobre a catástrofe. O seu obxectivo era tentar modificar as liñas editoriais de moitos deles, especialmente, de La Voz de Galicia.

Nesa estratexia, o Goberno popular de entón tamén centrou a súa atención nos "líderes de opinión" da sociedade galega que, consideraba, podían ser de interese para suavizar a súa imaxe de cara á sociedade. Por iso, preparou un plan de comunicación directa para que o Comisionado do Goberno, Rodolfo Martín Villa, puidera interactuar con eles e acercalos aos posicionamentos do Goberno de Aznar. Entre eles estaban Uxío Labarta, Ramón Villares, Antonio Grandío, Miguel Carrero, José María García Palmeiro, Xosé López, Xosé Castro, Aldredo Conde, Xosé Ramón Barreiro, Eduardo Rego, Marisol Bueno, José de Cora ou Xerardo Estévez, entre outros. Os informes están á disposición dos usuarios do GC Plus.

Os medios audiovisuais

Seguindo este plan, o gabinete de Comunicación da Presidencia do Goberno central preparou unha serie de entrevistas nos principais medios de Galicia. Logo de aparecer, primeiro, nos principais xornais galegos e españois, Rodolfo Martín Villa centrouse nos medios audiovisuais galegos. Ao longo dos primeiros meses de 2003, o alto comisionado do Goberno español para o Prestige, tivo entrevistas, xuntanzas ou almorzos cos principais xornalistas da Ser, RNE, TVG, Radio Voz, TVE, Onda Cero, Radio Lider-Intereconomia ou Antena 3TV.

"La Radio y la televisión son medios muy adecuados para acceder a los segmentos de población directamente afectados por el naufragio del Prestige, ya que se trata de personas con un menor nivel de lectura de diarios", apunta o novo informe ao que tivo acceso GC e que poden consultar os usuarios do GC Plus.

Ademais, recomenda que as entrevistas "se realicen con presencia física" de Rodolfo Martín Villa porque "gana mucho en el trato directo con las personas". O gabinete de Aznar "suxire" neste plan, posibles temas a tratar nesas entrevistas, así como a mensaxe que se debe trasladar. Tamén se recolle un perfil dos xornalistas aos que hai que dirixirse.

Rodolfo Irago

Sobre Rodolfo Irago, entón subdirector dos Servizos Informativos da Cadena Ser, o dossier sinala que "su papel resulta notable tanto en la orientación de las noticias como en la intensidad del seguimeitno que se realiza, cuestiones en las que, además de la línea empresarial, subyacen también factores personales". Recomendase ter unha entrevista persoal con el "para que conozca al comisionado" e logo faise un relato da súa traxectoria profesional, a súa situación persoal e mesmo se describen datos como de onde é e con quen está casado e de é a súa muller. "Puesto que se considera conveniente y urgente, sugerimos realizar este contacto aprovecheando el viaje a Madrid para comparecer en el Congreso, la próxiam semana", apunta o dossier.

RNE1, Radio Vigo-Ser e TVG

En canto o planing das entrevistas, o gabinete de Aznar recomenda que na primeira semana haxa entrevistas en RNE1 en Radio Vigo-Ser e na TVG. Para o primeiro medio recomendan a Severino Cagide, entón director de RNE en Galicia, "quien suele encargarse personalmente de informaciones relevantes, por lo que el planteamiento no resultará extraordinario". E cal é a mensaxe?; "nuestra preocupación por la recuperación del medio ambiente", entre outros.

Para Radio Vigo apostase por Eugenio Eiroa, "periodista de gran influencia en Vigo". Nesta entrevista a mensaxe será a da "rehabilitación de las Islas Atlánticas y, en general, de las Rías Baixas". Na TVG, o encargado da entrevista será Tino Santiago, entón presentador do "Bos Días". Ademais, destacase que, este tipo de entrevistas son recollidas pola axencia Europa Press. A mensaxe; "trabajamos en la reactivación de Galicia", entre outros puntos. En todas as entrevistas o informe recolle o público ao que van dirixidos os medios e os puntos que hai que tratar. 

"Simpatía hacia los populares gallegos"

Na segunda semana, a aposta é por Radio Voz, Cadena Cope e TVE1. Para o primeiro medio recomendase o espazo "Voces de Galicia" que entón dirixía Isidoro Valerio. En todo caso, advirtese de que a esa entrevista pode acudir Lois Blanco, entón encargado de toda a información do Prestige. "Este último entrevistador conoce más a fondo el tema, previsiblemente sería más incisivo que el primero. Posible repercusión de la declaración en La Voz", di o informe, entre outros datos persoais, sobre este encontro. A mensaxe neste caso é "la recuperación de la actividad pesquera y marisquera".

Para a Cadena Cope proponse a Fernando González Macías, entón director da emisora en Santiago e agora redactor xefe da TVG, e a Carlos Luis Rodríguez, articulista de El Correo Gallego e, actualmente, presentador do programa "Foro Aberto", na TVG. Entre outras cousas, aclarase que "hay que dejar patente la simpatía hacia los populares gallegos".

Para a TVE1 apostase polo informativo "Galicia primera edición" e a mensaxe será que "el Plan Galicia avanza y en la medida de lo posible aportar algún dato concreto sobre plazos de ciertas actuaciones previstas".

Onda Cero, Radio Lider-Intereconomía e Antena 3TV

Finalmente, a terceira semana, o gabinete de Aznar recomenda entrevistas en Onda Cero, Radio Lider-Intereconomía e Antena 3TV. Para o primeiro medio recomendase o espazo "Protagonistas" de Manuel Suárez e a mensaxe a dar é o avance da limpeza do litoral, "unido a las fuertes campañas publicitarias programadas". En Radio Líder, o elexido é

Javier González Méndez. "Por el perfil del periodistas... hay que esperar una entrevsita de contenido político". Novamente insistirase no Plan Galicia e o seu esforzo inversor. 

En Antena 3TV, o elexido é Igancio Capeáns, director do informativo rexional e agora actual director de Onda 0. A mensaxe; "conviene que los pescadores reinicien la actividad extractiva porque hay plena garantía de salubridad para los productos del mar".

Os usuarios do GCPlus poden consultar todo o informe coas alusións e acotacións persoais e profesionais. En breve, GC publicará novos datos sobre os cartos que o Goberno de Aznar inxectou nos medios para modificar a súa liña editorial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta