Un cento de traballadores do Sergas pide reforzar a Atención Primaria "dunha vez por todas"

Convocados por CSIF, esixen que se cubran as vacantes producidas durante a época estival.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2020 | Actualizada ás 16:03

Comparte esta noticia

Máis de cen traballadores de todas as áreas sanitarias de Galicia, convocados polo sindicato CSIF, manifestáronse este venres ante a sede central do Sergas para esixir ao titular da Consellería de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o "cumprimento íntegro" do Pacto de Contratacións de persoal temporal e cubrir así as vacantes producidas durante a época estival.

O sindicato CSIF, a través do seu portavoz e Presidente do Sector de Sanidade, Daniel Otero Castiñeiras, denunciou, segundo indica nun comunicado, o "incumprimento" por parte das distintas xerencias das áreas sanitarias do Pacto de Contratacións á hora de cubrir as necesidades de persoal ocasionadas por vacacións, baixas por enfermidade e outros permisos.

Segundo denunciou CSIF, a recente situación vivida como consecuencia da pandemia ocasionada pola Covid, puxo de manifesto "a necesidade imperiosa de formar e manter no tempo unha estrutura sanitaria forte". "Unha estrutura que poida dar resposta inmediata e eficaz ante un posible rebrote do virus", sinala, nun comunicado.

Para iso, insiste Daniel Otero, "é preciso reforzar dunha vez por todas a Atención Primaria e dotar de recursos humanos suficientes ese nivel de atención". De non ser así, asegura o sindicato, verase diminuída a calidade asistencial e verase gravemente prexudicado o dereito de todos os galegos á atención sanitaria.

Aínda que a situación de crise sanitaria levou unha serie de modificacións na xestión sanitaria, tanto de recursos económicos como de recursos humanos, CSIF sostén que "iso non pode ser motivo para utilizar a covid como escusa para incumprir ou suspender a aplicación dos pactos e acordos alcanzados".

Por tal motivo, CSIF reclama a Almuiña que se cumpran "todos os acordos" e que "se reactiven os procesos paralizados, como os de estabilización no emprego e a carreira profesional".

Peresonal dun centro de saúde da Coruña concéntrase para reivindicar melloras en Atención Primaria.. CEDIDA SOS SANIDADE
Peresonal dun centro de saúde da Coruña concéntrase para reivindicar melloras en Atención Primaria.. CEDIDA SOS SANIDADE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta