Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/06/2020 | Actualizada ás 18:01
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) prepárase ante as incógnitas do próximo curso. Ante a posibilidade de que se produza un rebrote masivo que obrigue a recuperar as restricións do estado de alarma pola situación sanitaria, a institución elaborou un documento base no que se inclúen medidas e actuacións con previsión de medios materiais en función de diversos escenarios, que van desde a 'normalidade adaptada' ata un confinamento.
O texto, co lema 'Directrices para o desenvolvemento dunha docencia presencial segura', baséase nos principios da "presencialidade" da docencia e a "flexibilidade" que permita adaptar a actividade universitaria ás diversas posibilidades e circunstancias.
O primeiro escenario que expón sería o dunha normalidade sen restricións á presencialidade, tanto nas clases, as tutorías como as probas finais. Esta podería compatibilizarse cun 10 por cento das horas nunha materia de modalidade 'virtual' "de modo excepcional e debidamente xustificado". Tamén se recomendan quendas de rotación máis curtas nos grupos de prácticas e recoñécese a posibilidade e facelas 'en liña' sempre que impliquen o uso de mecanismos telemáticos.
No segundo caso, de restricións parciais, a docencia sería total ou parcialmente virtual combinada coa física, e tutorías e exames serían a distancia, aínda que tamén se recomenda anticipar os contidos das clases prácticas.
Finalmente, ante un peche de instalacións pola situación sanitaria, as aulas impartiríanse plenamente de modo virtual e os centros terán que adaptar as prácticas a esta modalidade.
A avaliación continua será o criterio xeral adaptado á realidade de cada materia, ben de modo único ou combinado con probas finais. Así mesmo, os contidos poderían ser adaptados ás diferentes modalidades de docencia (presencial e 'en liña'), aínda que se terán que respectar as competencias e esixencias reflectidas nas memorias dos títulos.
Doutra banda, a institución prevé a necesidade de recursos de avaliación e tecnolóxicos, con equipos, recursos en liña, complementos ao 'campus virtual' e formación pedagóxica para PDI.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.