Cara a unha lectura actual da revista Nós, da man de 12 pensadores galegos

O Consello da Cultura Galega puxo en marcha o especial 'Nós: de onte a hoxe' para celebrar a aparición da publicación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2020 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

Personalidades da cultura galega participaron na especial web do Consello da Cultura Galega (CCG) 'Olladas sobre Nós', un apartado que ofrece unha lectura actual sobre a revista Nós, que cumpre este 2020 o seu centenario.

Son, en concreto, 12 pensadores da cultura galega actual, que seleccionan e comentan diferentes artigos publicados nesta revista entre 1920 e 1936. O resultado é unha lectura contemporánea desta publicación desde un punto de vista científico, social, persoal ou cultural, con pezas que se irán publicando todos os martes ata o 15 de setembro.

Na primeira das entregas, explicou o CCG, o catedrático Antón Santamarina analiza unha das seccións máis activas da revista, o 'Arquivo filolóxico e etnográfico de Galicia', creada por Vicente Risco.

Esta foi unha das seccións máis habituais da revista e tivo 89 entregas nas que participaron, ademais do propio Risco, Ben-Cho-Shey, Fermín Bouza Brey, Xaquín Lorenzo, Antonio Fraguas, Martínez López, Castelao, Losada, Cotarelo ou Noriega, entre outros.

CENTENARIO DA REVISTA NÓS

No marco das actividades organizadas polo Consello da Cultura Galega para celebrar o centenario da aparición da revista Nós, a entidade puxo en marcha o especial 'Nós: de onte a hoxe', un repositorio web que xunta as biografías desta xeración e que pon a disposición da cidadanía documentais que conectan o seu legado co presente.

Entre outros elementos, o especial inclúe tamén o apartado 'Os quixotes da terra van de camiño', que publica as rutas manuscritas que Ramón Otero Pedrayo deseñou na década dos sesenta para o seu amigo Silvio Santiago, unha das personalidades da colectividade galega en Venezuela.

Membros da Xeración Nós
Membros da Xeración Nós | Fonte: Consello da Cultura Galega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta