BNG esixe un operativo de repatriación para mariñeiros que faenan en caladoiros internacionais

Luís Bará pide á Xunta e ao Goberno que se poñan "ao choio" para "buscar unha solución" a estes traballadores galegos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2020 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra para as eleccións autonómicas do 12 de xullo, Luís Bará, esixiu ao Goberno central e á Xunta de Galicia un operativo conxunto para repatriar e trasladar a destino aos mariñeiros galegos que faenan en caladoiros internacionais.

Luís Bará mantivo este mércores en Marín unha reunión con mariñeiros galegos que traballan habitualmente nas frotas do Atlántico Sur que lle explicaron a complexa situación que viven ao non poder trasladarse ao país base --neste caso Uruguai-- para embarcar nunha campaña. Tamén foi informado das dificultades dos mariñeiros que están noutras zonas como o Índico, o Pacífico, na zona de Namibia, Seychelles, Malvinas e que non poden desembarcar e volver a Galicia.

Bará urxiu "buscar unha solución", porque esta situación crea "graves problemas económicos nas familias", xa que moitas delas dependen dos ingresos destes mariñeiros que levan meses no dique seco xa que con motivo da crise sanitaria da COVID-19 non teñen autorización para volver aos seus domicilios nin tampouco para trasladarse aos lugares de pesca.

O candidato nacionalista sinalou que se foi posible un operativo para repatriar aos turistas españois repartidos polo mundo, "con máis razón hai que facelo coas persoas traballadoras", polo que instou, tanto o Goberno central como a Xunta, a que se poñan "ao choio" para facer un operativo conxunto.

A cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra advertiu de que a situación é tamén complexa polas diferentes situacións laborais, xa que no seu maior parte estes mariñeiros traballan para empresas de fóra de Galicia, que realizan diferentes tipos de contratos, indefinidos e tamén de obra.

AXUDA

"Hai persoas ás que lles finalizou o contrato que non teñen ningún tipo de ingresos e que contaban con seguir traballando. A algunhas acabóuselles o paro e debería buscárselles algún tipo de axuda", indicou.

Ante esta situación, Bará mostrou o apoio do Bloque ás persoas afectadas e lamentou que "a Consellería está desaparecida cando a xente do mar a necesita". Finalmente, Luís Bará comprometeuse a que, se o 12 de xullo hai un cambio de goberno, se non está solucionada, afrontarán "todos os trámites con urxencia", dixo.

Luís Bará (BNG). BNG
Luís Bará (BNG). BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta