Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/07/2020 | Actualizada ás 19:31
A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, participou este luns nunha solta de 100 troitas no coto de Verdes, en Coristanco, co obxectivo de preservar o ecosistema fluvial do río Anllóns, conservar esta especie piscícola pola vía da repoboación e favorecer o mantemento da práctica da pesca deportiva na zona.
Durante a súa visita ao coto coruñés, a responsable autonómica lembrou que este espazo natural está catalogado como zona de especial conservación dentro da Rede Natura 2000 e é un lugar moi frecuentado polos afeccionados á pesca deportiva, así como por turistas e visitantes que acoden atraídos pola súa beleza natural e paisaxística.
Neste sentido, Vázquez Mejuto lembrou o traballo de control, limpeza e conservación que realiza o seu departamento cada ano nos cotos pesqueiros, consciente da importancia que teñen estes lugares á hora de garantir a preservación dos ecosistemas fluviais nunha comunidade que, lembrou, atesoura 32.000 quilómetros de ríos.
Así, no caso concreto de Verdes, polo que cada tempada pasan preto de 25.000 pescadores, a conselleira indicou que, desde o ano 2009, o Goberno autonómico leva investidos neste espazo natural e a súa contorna preto de 103.000 euros. Estes fondos traducíronse no arranxo e rehabilitación da área de recreo, en tarefas de acondicionamento do propio coto fluvial e na mellora do núcleo recreativo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.