O Comité Intercentros da CRTVG pide o cese do director xeral por "vulneración da neutralidade informativa"

A representación sindical considera que a resolución da Xunta Electoral demostra a manipulación que veñen denunciando os sindicatos e o persoal.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 07/07/2020 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

O Comité Intercentros da Corporación RTVG esixe que se depuren responsabilidades na CRTVG tras a resolución da Xunta Electoral Central que considera probada a "vulneración dos principios de neutralidade, igualdade e pluralismo político" na información ofrecida logo dunha denuncia do BNG.

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG
Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG | Fonte: EP

Este organismo entende que o posicionamento da Xunta Electoral demostra que a CRTVG está a vulnerar os principios xerais da Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, así como o obxecto do servizo público, o réxime especial electoral, o pluralismo democrático e o dereito de acceso aos que obriga a devandita norma.
Polo tanto, o Intercentros esixe que se depuren responsabilidades e solicita a inmediata substitución do Director Xeral da Corporación.

"Para a maioría da representación sindical, as prácticas de manipulación promovidas pola dirección da CRTVG non só violan principios deontolóxicos da profesión xornalística, senón que están a desacreditar irreversiblemente os medios públicos en beneficio de inaceptábeis intereses persoais e partidistas", apunta o comité nun comunicado.

Así, lembra que a representación do persoal, os propios traballadores e traballadoras, ou movementos como #defendeagalega, levan anos denunciando unha "inaceptable situación de control interesado da información" por parte da dirección que está a provocar "un cuestionamiento social sobre a utilidade dos medios públicos e sobre a honestidade profesional do seu persoal".

Para o comité a sentenza ten que ter consecuencias sobre as persoas responsables de causar ese "descrédito", comezando polo propio Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que, di, "sistematicamente nega en Comisión Parlamentaria a existencia de prácticas manipuladoras, malia as queixas dos grupos da oposición".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 O conseguidor

Alfonso Sánchez Izquierdo está amortizado, próximamente se lle buscará un relevo, tras cumprir ben e fielmente os seus obxectivos, e recalará nun consello de administración afín.