Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/07/2020 | Actualizada ás 11:36
Representantes sindicais dos traballadores dos centros de Política Social entregaron este xoves na Xunta 2.500 firmas recollidas para reclamar que a Administración galega abra unha mesa de diálogo que permita recuperar "os dereitos roubados" desde o ano 2012 e mellorar as súas condicións laborais.
Con esta acción, os traballadores continúan as súas reivindicacións en relación aos dereitos "suspendidos" desde o ano 2012 e "ante a negativa da Xunta a atender" as súas reclamacións "lexítimas", que pasan por "conseguir unhas mellores condicións de traballo", segundo explicou a Europa Press o representante da CIG, Uxío Zabala.
Nesta liña, Fina Martínez, de UXT, quixo "denunciar publicamente" a "xordeira selectiva" da conselleira de Política Social, Fabiola García, que, tras sete semanas de concentracións de protesta ante os centros de traballo "segue sen escoitar" aos traballadores e "sen convocalos a unha mesa" de negociación.
A representante de UXT, que garantiu que seguirán "reclamando os dereitos roubados", acusou tamén á Administración galega de "falta de organización, previsión e control" nos seus centros, incluídas as residencias da Mariña, onde "se seguen dando ordes de traballo vía Whatsapp e non a través dunha resolución, que é como tería que ser".
Carmen Soengas, de CSIF, incidiu no esforzo realizado por todo o persoal dos centros de Política Social durante a pandemia e pediu que a consellería "deixe de castigar" aos traballadores, cuxa "profesionalidade está máis que demostrada".
A CONSELLEIRA, "INHABILITADA"
Tamén Emilio Doforno, de CC.OO., cargou contra a conselleira de Política Social que, dixo, "está inhabilitada" para seguir no cargo, dado que, "despois de sete xoves de mobilizacións e pedindo que se abra unha mesa de negociación, non dignou sequera a contestar ou interesarse por este conflito".
"Se o día 12 non a cesan os cidadáns, queremos pensar que tampouco vai seguir sendo conselleira a partir do día 12 unha persoa que non quere saber nada de resolver un conflito que, desde o ano 2012, ten recortados os dereitos destes traballadores", subliñou Doforno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.