Denuncian que a propaganda do PP podería "vulnerar dereitos fundamentais" dos usuarios dun centro de día

Un boletín do Partido Popular de Cuntis recolle imaxes de anciáns identificables "con claridade" que, á parte, aparecen tamén na páxina web da Xunta de Galicia. O familiar dun dos usuarios do centro indica que podería supoñer unha ilegalidade por partida dobre no caso de non contar coa autorización expresa dos fotografados.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2020 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

O emprego por parte do Partido Popular de Cuntis dunha serie de imaxes tomadas nun centro de día da localidade podería violar o dereito á imaxe dos usuarios fotografados. Segundo denuncia nunha nota remitida a Galicia Confidencial o familiar dunha das persoas capturadas, Héitor Picallo, os 'populares' da vila fixeron uso de imaxénes nas que "se poden identificar con claridade" os usuarios do centro para un boletín propagandístico publicado en marzo deste ano.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita o centro de día da Pobra
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita o centro de día da Pobra | Fonte: XUNTA - Arquivo

"A miña avoa aparece en portada cabo da conselleira de Políticas Sociais", apunta Picallo, que indica que o emprego destas imáxenes "podería incorrer nunha suposta vulneración dos dereitos fundamentais" dos anciáns de acordo co artigo 18 da Constitución, que recolle, entre outros, o dereito á propia imaxe. Ao seren recoñecibles as persoas recollidas na imaxe, e no caso de que o grupo popular non tivese pedido de xeito expreso a autorización dos fotografados, cabería a posibilidade dun suposto delito contra os dereitos da personalidades destes usuarios.

Por riba, e segundo indica Picallo, as imaxes recollidas polos 'populares' de Cuntis foron parar á páxina web da Xunta, nunha "confusión" que, á marxe da proximidade partido-institución, dá para pensar, novamente, nunha presunta violación de dereitos. "No caso de existir unha cesión de datos cara a administración esta evidentemente é finalista, isto é: non pode cedelos a terceiros con fins particulares (e neste caso partidistas) sen salvagardar a protección de datos". 

"CONTAN CON AUTORIZACIÓN?"

Neste contexto de presunta irregularidade, Picallo opta por interpelar directamente ós responsables das fotografías a respecto do cumplimento da normativa vixente: "Contan coas preceptivas autorizacións –escritas e asinadas polas persoas usuarias do centro de día– para poderen empregar as súas imaxes con intencións electoralistas e políticas? Expuxéronlle as/os usuarias/os ou ás persoas responsábeis deles (durante a súa estancia no centro) a pretensión de difundir as súas imaxes nun boletín dun partido político? Que pasaría se ti, representante dese ou doutro partido, tiveses que ver a foto da túa avoa ou da túa crianza na propaganda dunha ou doutra organización política?"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta