Por Galicia Confidencial | Cuntis | 14/02/2013 | Actualizada ás 10:08
O proxecto do parque eólico do Xesteiras atópase en exposición pública no concello de Cuntis ata este venres, día no que remata o prazo para presentar alegacións a nivel municipal. Aproveitando esta circunstancia, a asociación O Fervedoiro acaba de remitir un comunicado no que alerta dos perigos desta nova infraestrutura eólica.
Así, denuncian que, afectará a fauna local, concretamente, a aves protexidas pola Normativa de Ámbito Mundial (e igualmente pola Normativa Europea e a do Estado Español); anfibios, tamén protexidos (Directiva 92/43/CEE del Consejo, de 21 de mayo de 1992, relativa a la conservación de los hábitats naturales y de la fauna y flora silvestres; contemplados no Catálogo Galego de Especies Ameazadas; e algúns incluídos no Convenio de Berna e na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial); coenagriónidos (recollidos no “Libro Rojo de los Invertebrados de España”, 2006). Precisamente, colaboran con Naturgalicia para a elaboración un catálogo de especies afectadas.
Tamén apuntan a destrución de ecosistemas moi ricos como brañas de montaña e lagoas coa "remoción de cantidades inxentes de terras, apertura de vías para acceso de maquinaria pesada e que, posteriormente, serán empregados por determinado tipo de vehículos que axudarán a escorrentar a fauna autóctona". Neste sentido, alertan do efecto na xeración de campos electromagnéticos que non só poden afectar á fauna (aves migratorias, por exemplo), senón incluso ao ser humano. "Quen negue que isto non ha afectar en mamíferos como os cabalos salvaxes do Xesteiras estará a negar unha evidencia, o son será enxordecedor e quizais haberá quen considere que os animais se habitúan a todo, tal e coma nós nos habituamos a que nos saqueen e furten os dereitos", aseguran.
Efectos na paisaxe e no patrimonio
O Fervedoiro tamén critica que este parque terá un efecto visual "negativo" na paisaxe, "xa que o medio ambiente non é só o conxunto de especies animais e vexetais que existe nun determinado territorio senón, igualmente, os hábitats (que non se deberan alterar), as xeografías e as paisaxes". E é que os 11 aeroxeradores que se erguerán no monte afectarán dende as proximidades da Pedra da Aguia (quizais un abrigadoiro natural de época prehistórica) até a dorsal que discorre polo val de Vea (pasando por Santo André, Frades).
Neste sentido, apunta que tamén terá incidencia na conservación do patrimonio histórico artístico. Ademais de á Pedra da Aguia, afectará aos testemuños megalíticos alí existentes (unha mámoa e o seu respectivo dolmen case seguro que serán desfeitos, así coma outros grandemente afectados). Así, esta asociación insiste en que o anexo sobre este tipo de patrimonio para nada se tivo en conta a presenza de testemuños da Idade do Bronce (petróglifos que teñen un grao de protección BIC), algún que outro castro e restos medievais (de mosteiros e fortalezas).
Consecuencias económicas
Finalmente, indica que terá consecuencias económicas e sociais xa que dende hai anos, di O Fervedoiro, "apóstase por unha política catastrófica no que atinxe á explotación dos recursos enerxéticos, sempre orientada cara unha perspectiva privada, alleándonos dos recursos para fornecer de caudais os petos privados".
Por iso, O Fervedoiro –en colaboración con Naturgalicia– anuncia que "non pode nin debe calar" e anuncia medidas de protesta contra este parque.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.