O aire limpo do pensamento crítico

A Trabe de Ouro analiza nun editorial do seu último número as eleccións do 21-0. Entre as conclusións; a emerxencia de AGE e como a suma de votos co BNG converteriaos na segunda forza política de Galicia. Marcial Gondar --cun interesante artigo sobre a morte--, Xosé Ramón Pena, Armando Requeixo, Manuel Outeiriño, Antón Dobao ou X.M. Ferrín están entre os autores desta publicación. Crítica de Manuel Rodríguez.

Por Manuel Rodríguez Alonso | Cangas | 17/02/2013 | Actualizada ás 23:05

Comparte esta noticia

Título: A Trabe de Ouro. Publicación galega de pensamento crítico. Nº 91

Zapato en ristre, Beiras recibido no mitin de AGE en Santiago
Zapato en ristre, Beiras recibido no mitin de AGE en Santiago | Fonte: Paco Gallego

Director: X. L. Mendez Ferrín

Editorial: Sotelo Blanco

Lugar de edición: Santiago de Compostela

Ano: 2012

Páxinas: 160

Cada tres meses, neste mundo do pensamento único, chéganos unha bafarada de aire limpo crítico que nos trae esta pubicación dirixida polo actual presidente da RAG. O editorial que inicia cada entrega desta revista paga tanto a pena que só por el cómpre mercar esta publicación.

No editorial sen sinatura que abre este número, a revista analiza e valora o resultado das eleccións do pasado 21 de outubro. Mais tamén avalía o labor de goberno de Feijoo entre 2009 e 2012, que caracteriza pola tarefa de asoballamento levada sobre a lingua, as nosas manifestacións culturais e artísticas, a totalidade do noso patrimonio, a nosa capacidade de desenvolvemento, a subsistencia mesma. Subliña, moi acertadamente, que malia aumentar o PP o número de deputados, realmente obtivo 130.000 votos menos. Salienta a inxustiza do sistema electoral imposto na que moi ben chama II Restauración, que permite que o PSOE ou o PP obteñan un escano con 16.000 votos, mentres que o BNG ou AGE precisan para cada escano de 20.000 ou 22.000 sufraxios, respectivamente. Destaca que os partidos que o electorado identificou como parte do réxime da II Restauración (PP, PSOE e BNG) perden no seu conxunto arredor de 500.000 votos. Valora o xurdimento e éxito de AGE como a emerxencia dunha Galicia espoliada material e culturalmente e dunhas clases populares violentamente agredidas polo capital e o sistema financeiro. Fronte aos que seguen a considerar Galicia como unha reserva conservadora e dereitista sinala sinala que a simple suma dos resultados conseguidos polo BNG e mais pola AGE daríanos un total de case 350.000 votos, o cal faría desta fronte hipotética a segunda forza política de Galicia, por diante claramente do PSOE. En fin, esta análise é do mellor que temos lido sobre o resultado das últimas elección autonómicas, así como sobre a situación de Galicia neste momento de crise.

Nun longo artigo centrado sobre a experiencia da morte na cultura tradicional galega e como era vivida esta derradeira experiencia, Marcial Gondar Portasany estuda o cambio que se está a producir na nosa sociedade tradicional e labrega e mesmo galega en xeral, onde se abandonan segundo el estes antigos valores para non os substituír por ningún outro. Gondar Portasany láiase da desaparición de costumes tradicionais arredor da morte, que el ve simbolizadas pola aparición do tanatorio fronte ao velorio tradicional, visto este último como expresión dunha suposta solidariedade rural propia do mundo campesiño galego tradicional, que considera moi superior ao que acontece agora nun espazo cada vez máis urbanizado, física e mentalmente. Respectando un antropólogo e etnógrafo tan acreditado, eu, que vivín nunha aldea dura e pura a miña infancia e adolescencia, non vexo por ningures esa solidariedade, ausencia de conflitos e superioridade da vida aldeá tradicional sobre a urbana. Sóame todo o artigo a menosprezo de corte e gabanza de aldea, escrito por certo por un urbanita. Nos anos cincuenta e comezos dos sesenta todo o que acontecía arredor da morte nas aldeas galegas eu coido que non era máis que o resultado do tremendo poder que aínda tiñan sobre as conciencias o catolicismo integrista e mesmo a superstición, unido á falta de espallamento dunha cultura científica e laica. Iso de que as xeracións que hoxe están por enriba dos cincuenta anos e que nos criamos no rural fomos inculturados nunha cosmovisión para a morte non é nada positivo nin natural, como lle parece ao autor do artigo, senón unha consecuencia do poder do catolicismo, exacerbado tras o triunfo de Franco e da ausencia dunha educación e forma de vida laica e científica. En fin, estamos ante un artigo que, na mellor liña do Risco etnógrafo, confunde a descrición científica do rural coa súa sacralización e mesmo idealización. Dígollo eu, Sr. Góndar, que coñecín, por desgraza tanto os velorios tradicionais coma os tanatorios. Aqueles tempos no rural dos cincuenta e dos sesenta de cregos franquistas e reaccionarios, escolas unitarias rexentadas por mestres e mestras sen formación científica e pedagóxica e tamén franquistas na súa maioría, de casas sen as minimas condicións hixiénicas (mesmo para os que pasabamos por ricos da aldea) onde o gando durmía embaixo de nós, con estrumeiras nos patios das casas e cousas así, que non volvan. Eu coido que vostede é un urbanita que non sabe o que era en realidade a vida na aldea neses tempos, sen tan sequera un médico de medicina xeral próximo. Por outra banda, os conflitos que provocaban as melloras e outras institucións similares, que vostede tanto gaba, son indefendibles a día de hoxe pola miseria humana que agochaban. Por non falar do machismo que cargaba todo o coidado dos anciáns, por exemplo, nas mulleres. Cómpre facer con este tema menos literatura ludita e ler textos como os que escribiu X.A. Durán xa polos setenta do pasado século sobre este mesmo mundo rural en tránsito ou mesmo repasar ese clásico que é La aldea gallega de Nicolás Tenorio. Cómpre analizar a realidade e mais os cambios sociais e de mentalidade sen as anteolleiras da literatura idealista de menosprezo de corte e gabanza de aldea. Fale con aqueles que coñecemos de verdade a aldea nos cincuenta e sesenta e verá canto hai de literatura nas súas interpretacións. Eu que lle vivín nesa aldea que vostede tanto estraña digo o que din os vellos da miña familia ou conveciños meus, algúns deles hoxe xa xubilados humildes en barrios obreiros coma o de Coia ou o Calvario e tamén aldeáns noutros tempos, hoxe máis ou menos urbanizados e que puideron gozar desa mínima sociedade do benestar moderna e laica, que hoxe parecen querernos quitar: Aqueles tempos que non volvan. Ademais, os que nos consideramos herdeiros da Revolución francesa e mais da rusa onde o que se valora é o que fai cada un sen importar a súa orixe non entendemos esa valoración reaccionaria que despreza o Ti quen es” perante o Ti de que casa es? A vostede, polo que di no artigo, gústalle máis a forma feudalizante e reaccionaria do Ti de que casa es? Esa aldea que vostede pinta coas súas supostas solidariedades nunca lle existiu… É invento dos etnógrafos na tradición de Nós e de certa literatura, que tanto dano nos fixo e nos segue a facer.

Xosé Ramón Pena analiza nun artigo documentadísimo e para min definitivo sobre o tema a identidade política, cultural e literaria galega desde a Antigüidade ata a chegada ao trono de Castela, León e Galicia de Fernando III o Santo. Mágoa que esquecese colocar a bibliografía no remate do artigo. Pola súa banda, Xorxe Martínez González aproxímanos a figura do autor da primeira gramática do galego, Francisco Mirás. Interesantísimo resulta o artigo de Francisco Xavier Redondo Abal sobre a represión que sufriron os bibliotecarios republicanos. Como nos gusta que sinale con nomes e apelidos quen foron os represores! Por certo, que habería tamén algún día que estudar quen foron os expurgadores das bibliotecas públicas e das dos centros de ensino, que ordenaban que determinados libros fosen destruídos ou non se emprestasen nas devanditas bibliotecas. Por exemplo, en Lugo, nos comezos dos corenta cumpriu esa tarefa o célebre Filgueira Valverde, alcalde franquista de Pontevedra e despois figura importante outra vez da vida política e cultural galega na Transición e na actual II Restauración.

Un dos nosos mellores estudosos actuais da literatura, Armando Requeixo, porque une a atención crítica á literatura que agora mesmo está a producirse co estudo da nosa tradición literaria, analiza de forma documentada os inicios poéticos de Aquilino Iglesia Alvariño. Lean os aprendices de filólogos e estudantes de filoloxía este artigo. Aprenderán nel o que é unha boa metodoloxía de traballo.

Manuel Outeiriño infórmanos sobre o poeta irlandés Pearse Huthinson e traduce algúns dos seus poemas. Recomendo vivamente a lectura dos dous derradeiros poemas da serie: “Ensinar matemáticas” e mais “Partidarios da liberdade posible”. Os artigos de crítica literaria de Lorenzó Baleirón, Manuel Outeiriño e Francisco Sampedro sobre Iria, Contos da terra da tarde e Da Máquina é do mellor que teño lido no eido da crítica.

Complétase a revista cos artigos de Ferrín e A. Dobao para glosar as figuras de Illa Couto e mais Vidal Bolaño, así como co de Francisco Fernández Rei sobre os cursos de lingua e literatura galegas de verán do ILGa para alumnos universitarios de filoloxía de fóra de Galicia. Todo o que di Fernández Rei sobre estes cursos é ben certo. Quen isto escribe tivo a experiencia de que admitisen alumnos seus de filoloxía da UNED de fóra de Galicia nestes cursos de verán e o nivel de satisfacción deste alumnado foi grandísimo. Mesmo estes cursos motivaron que dous destes alumnos se dediquen hoxe en día nada menos que a labores profesionais de corrección e tradución de textos de galego en importantes editoriais de ámbito nacional e iso aconteceu polo interese que o profesorado destes cursos soubo espertar neles cara ao galego identificado, á súa cultura e mais á súa literatura. E iso que os alumnos procedían de facultades onde imperaba o españolismo lingüístico e cando chegaron ao galego viñan con todos os prexuízos desa escola… 

En fin, para rematarmos, cómpre achegarse á libraría máis próxima e mercar este novo número de A Trabe de Ouro. Decatarémonos de que hai outros mundos alén do pensamento único neoconservador, tan espallado desde FAES, o PP e mesmo determinados e importantes sectores do PSOE, por non dicir pola totalidade dos medios de comunicación convencionais e ata o propio Ensino e os seus libros de te

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

2 Limpeza no lixo

Iso botemos o pensamento neo liberal neo franquista das FAES polo pijerio progre españolista da pseudo esquerda dos pactos da Moncloa. A alternativa é a Andalucia dos recurtes neo liberais de PSOE IU, o da corrupción de EREs e Sevilla Global.Tedes un morro que o pisades, agora o pensamento critico o facedes os falcatruans. Non hai tal rexurdir, se a case a metade dos militantes que se foron en Amio sumaslles os votos de IU e o apoio provisional da Voz e chegas a ese 7% de galegos con dereito a voto que votaron por AGE. O rexurdimento é o da abstención de case o 50%, para os que AGE non representa ningunha alternativa, senon mais do mesmo.

1 Spidercan

Moi ben Manuel Rodríguez. A mín fáltanme conhecementos pero intuitivmanete sei de que estás a falar. Lerei toda a bibliografía que dis con moitas ganas. Grazas, mestre (muito obrigado)

1 Galiza caníbal

Desde logo, sempre é mellor o orixinal que a copia, non si? Que doado é fusilar o traballo dos demais. Así nos vai, País!

2 Galiza caníbal

Desde logo, sempre é mellor o orixinal que a copia, non si? Que doado é fusilar o traballo dos demais. Así nos vai, País!

3 Spidercan

Sempre é melhor e máis valente o orixinal. Pero dame a impresión de que caemos con moita facilidade nos tópicos e no ruralismo. Ninguén contrapón neste artigo o tanatorio fronte aos velatorios. Ninguén contrapón o rural fronte ao urbano ou ao invés. Pero sí a unha época na que o rural non era o "paraíso perdido" que aínda moitos pretenden facernos crer. E o que pasa é que moita xente fuxe de conceptos "nacionais galegos" porque unha volta ao pasado (de posguerra) para eles e para mín é imposible. Pero claro, si non houbera habido posguerra pois xa estariamos a falar de política ficción. Si houberas vivido as miserias físicas e humanas que vin, un sería moito máis cauto.

4 Spidercan

Como derradeira anotación dicir que todos nós (rural e urbano) non somos todo o obxectivos que teriamos que ser. O alzamento militar e a posterior asimilación fascista-ignorante da posguerra fíxonos moito dano a todos. E o rural sería tamén víctima dese proceso e fíxonos ver só miserias. E agora non somos todo o obxectivos que deberiamos.