O Sergas recorda que pode haber multas a viaxeiros de zonas con alta incidencia de Covid-19 que non informen á Xunta

Os casos que deriven en brotes expóñense a infraccións graves recollidas na Lei de Saúde de Galicia

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2020 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

O Sergas subliña que o fin primordial do rexistro de viaxeiros procedentes de países e comunidades autónomas con alta incidencia da covid-19 é informativo, aínda que aqueles que desatendan a petición e non se poñan en contacto coa Xunta á súa chegada a Galicia expóñense a multas económicas recollidas na Lei de Saúde de Galicia.

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa
O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa | Fonte: Xunta.

No día que o Diario Oficial de Galicia publica a relación de 136 países e cinco comunidades afectadas pola medida, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, sinalou que o obxectivo do rexistro é informar "ás persoas que veñen a Galicia sobre cales son as actuacións que poden facer mentres están aquí" e comunicarlles "información que pode ser do seu interese", como normativas sobre o uso de máscaras en toda Galicia ou "que terían que facer" se presentan sintomatoloxía compatible coa covid.

Ademais, a Consellería de Sanidade ofrecerá a opción de que cidadáns que procedan de países que xa protagonizaron algún caso importando --Fernández-Campa nomeou México, Brasil ou a República Dominicana-- se sometan a unha proba PCR aínda que non presenten síntomas.

"Queremos ofrecer esa posibilidade para maior seguridade desas persoas e dos contactos que teñan en Galicia", apuntou o xerente do Servizo Galego de Saúde, que lembra que o rexistro de viaxeiros non está pensado exclusivamente para cidadáns estranxeiros, senón tamén para os galegos que procedan desas zonas por motivos laborais ou de lecer.

SANCIÓNS

Con todo, as persoas que non comuniquen a súa procedencia dos países e comunidades sinaladas pola Xunta (unha listaxe que se revisará, como mínimo, cada 15 días e que monitorará a evolución epidemiolóxica para a inclusión ou eliminación de áreas) expóñense a sancións que variarán en función das consecuencias que tivese a súa conduta.

Segundo resume o responsable do Sergas, "non é o mesmo" que a falta de comunicación se salde "sen transcendencia directa para a saúde" que o feito de que unha persoa "consciente" de que debe informar as autoridades que procede dunha área de risco o "omita" e "acabe xerando un brote".

"A circunstancia é distinta e a variación da sanción no seu caso vai ser distinta porque así o prevé a Lei de Saúde. Depende do resultado dos feitos", engade Fernández-Campa, que comenta que existe "moita gradación" no réxime sancionador da normativa sanitaria galega, con tres niveis de infraccións (leves, graves e moi graves) á súa vez divididas en tres graos (mínimo, medio e máximo).

As sancións contempladas na Lei de Saúde de Galicia van dos 601 euros no nivel máis baixo a 601.012,11 euros no grao máximo. A autoridade sancionadora recae na Administración galega, que velará polo cumprimento do rexistro en colaboración as entidades locais.

"A norma permite un abano de sancións moi amplo, pensando na gravidade", sinala Fernández-Campa, que apunta que a medida "fundamentalmente non está implantada para establecer sancións". Nin sequera cremos que o carácter coercitivo é o que vai facer que a xente faga ou non a declaración pensando en que pode ou non facer a declaración", engadiu o xerente do Sergas.

INFORMACIÓN DO MINISTERIO

Sanidade xustifica a necesidade de contar co seu propio rexistro de viaxeiros ante a falta de información dos datos que recolle o Goberno central nos aeroportos. "Non temos ningunha información diso. Nos máis de 30 casos que tivemos importados e que viñeron en voos doutros países, en ningún tivemos coñecemento; só no momento no que tiña sintomatoloxía", remarcou Fernández-Campa.

"Se xa tivésemos a información, non sería necesario que nola volvese facilitar", di sobre a duplicidade do rexistro de viaxeiros entre as autoridades estatais e autonómicas, á vez que dubida da "utilidade" destes controis realizados pola Administración central.

"Teñen unha utilidade limitada porque os casos chegan igualmente e sen que nós teñamos coñecemento deles. Por iso entendemos que hai que facer algunha medida complementaria", apostilou.

INFORMACIÓN

Así as cousas, ao longo da mañá deste martes, a Consellería de Sanidade iniciou o proceso para informar da creación deste rexistro aos actores implicados.

E é que, establecementos hostaleiros, operadores turísticos, compañías de transporte e empresas deben comunicar ás persoas que procedan dos países da lista a necesidade de que cubran o cuestionario da Xunta.

Por iso, Sanidade púxose en contacto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Consellería de Cultura e Turismo para que difundan o contido da orde publicada este martes no DOG.

Tamén se instalará cartelaría en aeroportos e estacións de tren e autobús que contará cun código QR co que os viaxeiros poderán acceder directamente ao formulario colgado na web da Consellería.

"É un trámite sinxelo e doado que nos vai permitir ofrecer información aos que nos visiten", resume Fernández-Campa, que lembra que os datos persoais serán eliminados aos 28 días, unha vez cumprido o ciclo de infección.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 anonimo

Histeria histérica. Non vexo que usar mascarillas implique respirar CO2. En todo o mundo hai medidas de control, e en case todos os sitios,mascariilas. A obsesión de que as mascariilas é un pretexto para " recortar libertades" está na onda das teorías conspiranoides. Please, un pouco menos de teimas histéricas e mais realismo.

1 Ana

Tras o confinamento e o bozal (mascarilla), agora en Madrid chega a Cartilla Covid. ¿Imos despertar ou pemitiremos que nos arruinen economicamente (para ser escravos de poderes globalistas) e recorten liberdades?. Enteradevos que no resto de Europa a xente esta a facer vida normal mentras aqui respiramos dioxido de carbono coas mascarillas e non paran de impor medidas restrictivas. ¿Sera pq somos un pais endebedado e estan probando o nivel de sumision do pobo?.

1 Gamela

Será, e certamente o nivel de sumisión quedou probado cos dous meses de confinamento, en canto á débeda pública logo da reuníón do Consello de UE queda claro que o Goberno Sánchez considera un éxito chegar a unha débeda pública do 120% do PIB... E o millón de parados seica están tranquilos na casa (?) Cómo imos sair desta tolemnia (?)