O PSOE acusa o PP de "comprar vontades" dos dous edís díscolos para facerse coa alcaldía de Castrelo de Miño

Os socialistas esixen a Feijóo que compareza "urxentemente" para "deixar claro se avala este tipo de prácticas tránsfugas". O BNG denuncia unha "pinza PP-PSOE" para "arrebatarlle" alcaldías en Ourense.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 28/07/2020 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

O PSOE de Ourense acusou este martes ao PP de "comprar vontades", en concreto "as dos edís dous tránsfugas, Francisco Pérez e Jaime Fontanes", para facerse coa Alcaldía de Castrelo de Miño de maneira "totalmente ilexítima".

Villarino.
Villarino.

Así o manifestaron os socialistas de Ourense nunha rolda de prensa celebrada este martes, na que estiveron presentes a portavoz do PSOE de Castrelo de Miño, Catalina González, o responsable de Organización provincial, Juan Carlos Francisco Rivera, e o secretario xeral do PSdeG-PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino.

Na súa intervención, Juan Carlos Francisco Rivera sinalou que os dous concelleiros socialistas díscolos "conspiraron" co Partido Popular para levar a cabo unha moción de censura que "non avala" a organización socialista, os militantes e simpatizantes da localidade nin os veciños de Castrelo de Miño.

Así mesmo, o PSdeG-PSOE esixiulle ao presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que "compareza de urxencia" para "situarse sobre este tipo de comportamentos en política, deleznables desde todos os puntos de vista".

Desde a organización provincial do PSOE tamén anunciaron que levarán este caso fronte á comisión antitransfugismo porque "a traizón de dous edís socialistas convértese nun transvase de apoios a unha forza antagónica coa que compite o PSOE historicamente en todo o conxunto do Estado, e principalmente na provincia de Ourense".

O PSOE tamén decidiu "expulsar de forma inmediata" os dous edís díscolos dado que "de maneira unilateral e en conivencia co PP deciden agora apoiar unha moción de censura, enganando deste xeito os seus votantes, compañeiros e traizoando ao seu partido".

"CAMPAÑA DE DESPRESTIXIO"

Pola súa banda, a portavoz socialista de Castrelo de Miño, Catalina González, denunciou a "campaña de desprestixio" levada a cabo polo portavoz dos populares no municipio, Avelino Pazos, e polos dous concelleiros díscolos, dicindo que "só buscaban desenfocar que se ía a presentar unha moción de censura".

"Francisco Pérez e Jaime Fontanes botan por terra o traballo de moitos anos dos socialistas de Castrelo de Miño para secuestrar a vontade popular e alzar a Avelino Pazos como alcalde en contra do decidido democraticamente", insistiu Catalina González.

Neste contexto, o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, acusou a Baltar de "estar detrás desta moción" co único obxectivo de "ter unha alcaldía máis para presumir despois do triplo empate técnico nas eleccións municipais de Castrelo de Miño". Ademais, sinalou que "Baltar elixiu como candidato en Castrelo de Miño unha persoa que se negaba a ir nas listas e dicía que a obrigaban".

En concreto, o BNG goberna en minoría en Castrelo de Miño con tres edís desde as últimas eleccións municipais, nas que PP e PSdeG obtiveron tamén tres actas en cada un dos casos.

Os socialistas mostraron este martes o seu "apoio unánime" ao seu portavoz en Castrelo de Miño, Catalina González, "por non ceder ante as chantaxes e presións por parte do PP e mostrarse firme na súa posición de non promover a moción de censura".

BNG

A dirección do BNG denunciou unha "pinza PP-PSOE" para arrebatarlle alcaldías na provincia de Ourense coas "peores artimañas políticas" tras o acordo entre os edís do PP e dos dous concelleiros socialistas díscolos para presentar unha moción de censura en Castrelo de Miño.

A executiva do Bloque sinala que esta actitude responde a "unha estratexia de ambas as forzas" para facerse coas alcaldías que goberna o BNG nesta provincia "pola porta de atrás" mediante "negociacións en despachos" que "non obedecen ao interese da cidadanía".

Os nacionalistas, ademais, consideran que a moción de Castrelo de Miño está "planificada con nocturnidade" ao ter en conta que se deixou pasar as eleccións do 12 de xullo para presentala no que cualifican como "un intento premeditado para enganar os veciños".

O BNG tamén denuncia que esta estratexia, que utiliza "as peores artimañas do transfugismo", non se limita a Castrelo de Miño, senón que ten xa a vista posta no concello de Viana do Bolo, liderado tamén por un goberno do Bloque.

A dirección nacionalista ironiza sobre a "epidemia de tránsfugas" entre as filas socialistas que se "alían" co PP de Baltar para "deixar fóra o Bloque dos gobernos municipais".

Neste sentido, lémbralle ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, que o seu partido asinou o pacto antitransfuguismo, que "casa mal" coa "estratexia do PP de Ourense de pactar con tránsfugas co beneplácito e as felicitacións públicas de cargos do PP". "Ou a palabra de Feijóo non vale nada ou en Ourense a súa autoridade dentro do partido está por baixo da de Baltar", considera.

En toco caso, pide ás direccións galegas do PP e do PSOE que "tomen cartas no asunto" para "pór freo a esa moción" cunha "pinza inexplicable".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta