Tirando da manta

A traizón é unha arte que se aprende practicando. Unha testemuña diferénciase dun delator en que o segundo tira algún proveito da situación.

Por Mariña Pérez | Ames | 06/03/2013

Comparte esta noticia
Púxose de moda tirar da manta. A expresión vén das “mantas” ou lenzos que facían públicos os nomes dos novos cristiáns, os conversos. A descendencia xudía era sentida coma un gran descrédito naquela altura. 
 
Abriuse a veda,  xa é innegable que entramos no tempo do destape informativo, do cante. O fío do nobelo váisenos desvelando a base de titulares de escándalo. Seguramente todo é produto dun irreprimible descontento social, xa saben, no contexto de crise semella que todo vale. Aquilo que antes estaba ben visto ou tiña o visto e prace da xente, comeza a ser publicamente reprobable en canto arden as redes sociais ( ese invisible  xurado popular que está a cobrar un poder maquiavélico). 
 
Supoño que  se fixaron en que aquí canta tododiós. Con frecuencia, fano desde a súa condición de ex. Quen non tivo problemas cos ex? Cantan as examantes, os exedís, os extesoureiros, exmordomos, os expías e os exchoferes. Onde quedou aquilo do “bo vasalo se houber bo señor”? Que foi da amizade, da disciplina de partido? Do sentido do deber?  Todos temos un prezo e unha hipoteca, pero algúns véndense á primeira de cambio. Semella que se perdeu para sempre esa lealdade implícita no oficio.
 
Tamén saberán coma min, porque me son lidos, que as tramas Pokemon, Campión e Carioca tiveron un lugar común: un bordel. Alí negociáronse (presuntamente) contratas ilegais, subornos destinados a conseguir adxudicacións públicas, financiamentos irregulares, etc. Unha casa de putas, si. De varios partidos. As primeiras testemuñas de tal apaño foron as mulleres sudamericanas que exercían no tal club e que atendían aos imputados. Imputados, si, non é chanza. Entre acto e acto foron tecendo a súa arañeira fraudulenta. O curioso do caso é que estas mulleres están afeitas a saber e calar. Que non escoitarían as meretrices ao longo da historia? Desde Pompeia á Madame Heidi en L. A. Saben tanto coma os tesoureiros ou os mordomos, pero calan. Vailles no oficio.  Se elas “largan”, xa non sabe un(ha) en quen confiar…
E digo eu que a curia do Vaticano debe andar coa area no zoco despois da Dimisión, perdón, da Renuncia, do seu ex máis famoso. Agora que vai ser coidado por monxas ou laicas ( o papel máis acaído para o xénero feminino dentro da Igrexa?) pode ser que un día comece a cantar, coma quen non quere a cousa, e revele misterios ocultos que só el coñece. Entre os Borgia e The Godfather III. Existe ese risco. Iso si que serían Memorias! Que Roma non paga traidores?  Boh! Tu quoque, fili mihi! 
 
Xa sabemos que aquí canta “todoDiós”. O mordomo reparte a correspondencia privada nas axencias de noticias, o extesoureiro ensina as contas B en público, a madame e o electricista entran en detalles escabrosos, sexuais e de recadación, o construtor abre a fiestra para airear excontratos, o examigo sen ánimo de lucro tira de excorreos electrónicos. 
 
“Maldito o home que confía no home”.  Xeremías 17:5.  Xudas talvez fose un avanzado ao seu tempo na procura do Paraíso fiscal. Trinta moedas non darán para abrir conta en Zürich pero axudan a ir pagando a fianza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.