Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2020 | Actualizada ás 14:15
Continúan as mostras de repulsa ó protocolo para o regreso ás aulas en setembro anunciado pola Consellería de Educación de Feijóo. As últimes veñen da asociación Nova Escola Galega, que, como sindicatos e ANPAS, afea á Xunta a presentación dun protocolo "practicamente ao día seguinte das eleccións" e con escaso debate cos sectores sociais implicados.
Fronte a esta situación que provoca "profundo desagrado" na NEG, dende a plataforma esixen unha distribución dos "recursos precisos para facer un plan de prevención axeitado e coherente coas medidas sanitarias adoptadas para o resto da sociedade". Neste aspecto destaca o feito de que a Xunta esixa unha distancia de apenas 1 metros de distancia entre alumnos cando o Ministerio de Sanidade marca como separación mínima o metro e medio.
"Ata agora o texto do protocolo que coñecemos só fai referencia a medidas e recomendacións que se deben poñer en práctica por parte dos centros, sen contraer o máis mínimo compromiso de achegas nin económicas nin de recursos", destacan dende a asociación, que se manifesta "en sintonía" coas ANPAS e sindicatos que esixen un maior investimento por parte das institucións autonómicas.
MEDIDAS IGNORADAS
Á par, a asociación con sede en Santiago fai fincapé nun comunicado nunha serie de aspectos "que non aparecen no documento ou que non o fan satisfactoriamente", entre eles a distancia sanitaria e a obrigatoriedade de que sexa o propio alumnado o que teña que limpar -cando menos parcialmente- os seus espazos. "O protocolo non ten en conta que o contexto no que se fai é un contexto de aprendizaxe, no que é imprescindible a interacción co profesorado e tamén entre o alumnado. Para ter un alumnado receptor pasivo de mensaxes sería preferible o tele-traballo".
Fronte ó ateigamento nas aulas, consideran "imprescindible" que os grupos sexan menores de 20 alumnos e alumnas", e que os espazos sexan suficientes, en número e superficie, para manter as distancias mínimas. "Esíxese máis distancia nunha cafetería durante uns minutos que nas aulas durante 6 horas", destacan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.