O investigador do accidente de Angrois e do roubo do Códice Calixtino, novo xefe da Comisaría de Santiago

A subdelegada do Goberno apunta o Xacobeo e a seguridade na situación sanitaria actual como "retos inmediatos" do novo comisario, Juan Cástor Vázquez Salgado.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/08/2020 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

O comisario Juan Cástor Vázquez Salgado, que participou nas investigacións sobre a desapareción do Códice Calixtino e na do accidente do Alvia en Angrois, tomou este martes posesión como novo xefe da Comisaría da Policía Nacional de Santiago de Compostela.

Juan Cástor Vázquez toma posesión como novo xefe da Comisaría da Policía Nacional de Santiago
Juan Cástor Vázquez toma posesión como novo xefe da Comisaría da Policía Nacional de Santiago | Fonte: Subdelegación do Goberno.

Juan Cástor Vázquez Salgado, que ata a data ostentaba o cargo de comisario xefe da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá da Coruña, substitúe a Félix García García á fronte da Comisaría da Policía Nacional en Santiago de Compostela.

No acto a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, sinalou como "retos inmediatos" para o novo comisario da Comisaría Local de Santiago "garantir a celebración dun Xacobeo seguro" e continuar co labor de protección da seguridade da poboación na actual situación sanitaria.

Así o indicou na toma de posesión de Cástor Vázquez, nun acto no que estivo acompañada polo xefe superior de Policía de Galicia, José Luís Balseiro, e no que enxalzou a traxectoria e valía profesional do novo responsable da Comisaría de Santiago, que leva 37 anos na organización policial.

CURRÍCULO

O novo comisario de Santiago ingresou en 1983 na Escola Superior de Policía e incorporouse o 1 de agosto de 1985 á Comisaría Local de Sabadell como inspector, onde se especializou en Policía Científica.

En xullo de 1999 iniciou a súa andaina na Comisaría Local de Santiago de Compostela, na Brigada Local de Policía Xudicial ata que no ano 2007 ascende a inspector xefe.

Unha vez finalizado o período de formación reincorporouse á Comisaría de Santiago, onde os seguintes anos asumiu a Xefatura da Brigada de Policía Xudicial. En 2014, tras o seu paso por Policía Xudicial, asume a Xefatura da Brigada Local de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría compostelá, ata o seu ascenso a comisario en 2019.

Finalizado o período formativo desde o mes de xaneiro deste ano ostentaba a Xefatura da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá da Coruña.

Entre os servizos de relevancia nos que interveu ao longo da súa vida profesional, inclúese en 2011 a investigación sobre a desaparición do Códice Calixtino e en 2013 a relativa ao accidente do Alvia en Angrois no que morreron 80 persoas e 150 resultaron feridas.

A iso súmase en 2019 a culminación da 'Operación Chipa' como responsable da Brigada de Estranxeiría e Fronteiras no marco da loita contra a trata de seres humanos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta