Botar un vagón ao río Sil sae barato: a Xunta propón unha multa de 35.000 euros para Adif

A conselleira de Medio Ambiente cualifica de "irresponsable" ao administrador ferroviario e a de Infraestruturas ve "insólito" o ocorrido. A asociación Galicia Ambiental pide unha intervención "urxente" da Fiscalía.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 06/08/2020 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia iniciou un expediente sancionador contra o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) no que propón unha multa de 35.000 euros por unha "falta grave" por botar dous vagóns dun tren descarrilado en Carballeda de Valdeorras cara á canle do río Sil.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e a titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acudiron este xoves á zona para comprobar o estado dos vagóns e a contorna. Un tren de mercadorías descarrilou o 28 de xullo preto do núcleo de Sobradelo e, dentro das tarefas para retirar a estrutura, unha máquina empurrou dous vagóns, de forma que un chegou ao río e o outro quedou moi preto do cauce.

En declaracións aos medios, Anxos Vázquez, explicou que a Xefatura Territorial de Medio Ambiente en Ourense iniciou hoxe mesmo un procedemento administrativo sancionador contra Adif como responsable destes feitos.

Este departamento da Xunta considera que podería haber unha infracción administrativa grave tipificada na lexislación galega como "abandono, vertedura ou eliminación de calquera tipo de residuos non perigosos", para a que se prevén multas de entre 901 e 45.000 euros, aínda que neste caso proponse a cantidade de 35.000 euros.

Isto, dixo Vázquez, "non quere dicir que, avanzada a investigación, e se os residuos se poden considerar moi perigosos, esa sanción non se poida encarecer". Ademais, agregou, adoptouse "unha medida cautelar" para Adif proceda "canto antes", unha vez obtidos os permisos pertinentes, a retirar os vagóns e "que sexa un xestor de residuos o que posteriormente se faga cargo dos mesmos".

"IRRESPONSABLE E INDIGNANTE"

"É irresponsable e indignante que se realicen este tipo de accións e que a imaxe de Galicia, a través dos medios que se fixeron eco, sexa esta", engadiu a conselleira que afirmou que a Comunidade "destaca" pola súa calidade ambiental.

No mesmo sentido, a conselleira de Infraestruturas cualificou as imaxes de "insólitas" e de "sorprendentes" o que está a ocorrer e criticou que Adif non dese explicacións polo ocorrido nin aclarase como vai proceder. As administracións públicas, defendeu, deben ser "as primeiras" que sexan "responsables" co que se lles pide cumprir tamén aos cidadáns.

Foto dos vagóns descarrilados nas inmediacións do Sil remitida por Galicia en Común. GALICIA EN COMÚN
Foto dos vagóns descarrilados nas inmediacións do Sil remitida por Galicia en Común. GALICIA EN COMÚN | Fonte: Europa Press

GALICIA AMBIENTAL

A asociación Galicia Ambiental pediu unha intervención "urxente" da Fiscalía polo "presunto delito ambiental" de Adif. Esta asociación, integrada por profesionais independentes e representantes de empresas e institucións, considera que o caso "vai moito máis alá dunha desobediencia" á Confederación Hidrográfica Miño-Sil. "Podería tratarse, ademais, segundo as informacións ás que tivo acceso Galicia Ambiental, dunha falta grave na xestión ilegal de residuos perigosos e un presunto delito ambiental", indicou.

Unha "primeira falta grave" é non entregar os vagóns a un xestor autorizado, ao que se suma que "existen substancias e compoñentes contaminantes presentes no modelo de vagón precipitado", como os fluídos dos sistemas hidráulicos e de suspensión ou o tipo de zapata de freado, posto que un dos principais compoñentes do férodo das pastillas adoitaba ser o amianto.

Aínda que deixaron de fabricarse con este material, a día de hoxe segue habendo vagóns con pastillas que si o tiñan e, por este motivo, agregou Galicia Ambiental, solicitan que se extraian estes residuos industriais e se envíen a un xestor autorizado.

A asociación acusou a Adif de pretender "aforrarse os custos" de desprazar á zona un equipo de despezamento e un guindastre e de pechar comercialmente a vía. "Antepuña, unha vez máis, os criterios económicos aos ambientais", criticou.

Se se sanciona finalmente ao administrador ferroviario por estes feitos, a multa engrosará a "longa lista de expedientes por malas prácticas". No últimos tres anos son unha trintena, destacou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta