Por Galicia Confidencial | Santiago | 13/08/2020 | Actualizada ás 20:40
Rede, a Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia, denuncia a prohibición de acceso dos familiares ás residencias DomusVi Barreiro, en Vigo, e DomusVi San Lázaro, en Santiago, sen razóns aparentes.
Nun comunicado, esta entidade denuncia que os familiares foron informados o martes pola mañá da imposibilidade de ver aos seus maiores internos. “Pero non hai razóns para facelo porque nin hai casos positivos nestas residencias, nin se supera a cota epidemiolóxica nas poboacións respectivas”, denuncia a entidade.
“Toma estas medidas restrictivas para tapar a gravísima situación real nas residencias: non hai persoal suficiente para garantir a contención da pandemia”, di. Neste sentido, lembra que a carga de traballo medrou sensiblemente coa pandemia, pero o persoal segue a ser o mesmo, ou menos, “e está agotado física e sicolóxicamente tralo bestial impacto nestas dúas residencias onde morreron 100 anciáns entre marzo e abril”.
Por iso, os colectivos de familiares piden as dimisóns das directoras destas dúas residencias por fechar ou restrinxir as visitas de familiares violando a normativa vixente. Tamén critica á Xunta porque “Sanidade e Política Social dan mostras de complicidade neglixente ó permitir estas medidas desproporcionadas que non amparan as normas publicadas pola Xunta de Galicia en maio”, di a entidade nun comunicado.
Por iso, Rede pídelle á Xunta que corrixa as "anómalas actitudes" das direccións de DomusVi, e avisa que de non ser así levará á Xunta e a DomusVi ós xulgados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.