Amplíase a rede de praias sen fume con 162 novos areais de 66 municipios galegos

A rede ten "un fin educativo e de sensibilización" e o obxectivo é cambiar a percepción social sobre o tabaco.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/08/2020 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

Un total de 162 areais de 66 concellos galegos forman parte da Rede Galega de Praias sen Fume na actualidade, de acordo coa Consellería de Sanidade.

Esta iniciativa, que arrincou en 2016 a partir dunha proposta de Baiona para sensibilizar contra o tabaco, pasou de 26 praias nun inicio ás 162 da actualidade, o que supón que o 31,9 por cento dos areais galegos están incluídos no programa.

En concreto, están o 30,1 por cento das praias marítimas (132 de 438) e o 42,9 por cento das fluviais (30 de 70). Ademais, o departamento destaca que o 57,5 por cento dos 115 concellos que teñen praias contan con polo menos un areal sen fume e que 14 dos municipios alcanzaron o diploma de ouro, o máximo nivel, ao declarar todas as súas praias libres de tabaco.

Por provincias, A Coruña conta con 63 praias na rede, das que nove teñen o diploma de ouro (Corcubión, Mañón, Rianxo, Noia,Cedeira, Ponteceso, Dumbría, Cabana de Bergantiños e Laxe).

En Lugo son 26 os areais incluídos no proxecto e o Concello de Barreiros ten o diploma de ouro, mentres que en Ourense as praias da rede son 10 e en Pontevedra, 63. Nesta última provincia hai catro concellos con diploma de ouro: Baiona, Redondela, Vilaboa e Cerdedo-Cotobade.

A rede ten "un fin educativo e de sensibilización" e o obxectivo é cambiar a percepción social sobre o tabaco. Nestas praias non se pode fumar na area, aínda que non existe vixilancia nin se sancionan os incumprimentos. "É unha elección voluntaria e persoal seleccionar unha praia sen fume como lugar de lecer e, por tanto, o seu cumprimento é unha responsabilidade persoal", sinala Sanidade.

Praia da Coruña. CONCELLO DA CORUÑA - Arquivo
Praia da Coruña. CONCELLO DA CORUÑA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta