As anpas rexeitan que os pais poidan decidir se mandan ós seus fillos ás aulas no curso vindeiro

Aseguran que levaría a un "tratamento desigual" do alumnado: "se podemos volver, volvemos todas".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A cada vez menos días de que dea comezo o curso escolar máis atípico que se lembra o debate sobre o modelo escolar segue aberto e candente. A última intervención neste entorno cada vez máis tenso vén da man da Confederación de Anpas Galegas para manifestarse en contra dunha posibilidade que, apuntan, está a coller forza nestes días: que as familias poidan decidir se mandan ou non aos seus fillos e fillas ás aulas.

Estudo, estudar, estudante, estudantes, clase, clases, aula, aulas, alumno
Estudo, estudar, estudante, estudantes, clase, clases, aula, aulas, alumno

Segundo defenden dende a plataforma, nais e pais opóñense a esta formulación porque consideran que levaría a ter "diferentes tratamentos" para o alumnado galego. "Se podemos volver, volvemos todas coa máxima seguridade; se hai que quedar na casa, será por que debemos quedar todas coas máximas garantías de atención.

Ante esta circunstancia, nais e pais ábrense á posibilidade de contemplar unha volta "non presencial" ás aulas, sempre e cando se corrixan "no posíbel os erros do confinamento". "A volta ás clases pode ser virtual, total ou parcialmente,  pero necesitamos ter a seguridade de que non vai haber alumnado de diferentes velocidades, e esa certeza só poderemos tela se o tratamento é  homoxéneo para todas as crianzas galegas", destacan.

 

Por esta razón, rexeitan a posibilidade de que os pais poidan escoller se mandan ou non ós seus rapaces ás aulas: "non hai liberdade na escolla de opcións individuais que favorecen o tratamento desigual, e que poden  provocar un desigual punto de partida nun futuro normalizado. Non hai liberdade cando a escolla se basea na dispoñibilidade de medios materiais que outra xente non poida ter", xustifican.

 

MODELO PRESENCIAL

Aínda que as anpas non se pechan á posibilidade de chegar a un modelo educativo baseado enteiramente en contidos virtuais, seguen a defender que "a volta as aulas debera ser presencial para todo o alumnado". Esta posibilidade, recoñecen, implicará "todas as seguridades e reforzos que as nosas fillas e fillos merecen e precisan". Con todo, dende a confederación xustifican este investimento de acordo co papel das escolas nos rapazada máis alá da "formación formal" dos rapaces: "a escola pública é garantía de igualdade, de tratamento uniforme a todas as nenas e nenos, independentemente da súas capacidades económicas, sociais ou familiares".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta