Cubertas catro prazas no centro de saúde do Grove logo de cinco ausencias "imprevistas"

O Sergas subliña que a área sanitaria mantén agora unha dotación de profesionais sanitarios para o centro de saúde grovense de sete médicos de familia, dous pediatras e sete efectivos de enfermaría.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2020 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) informou de que se cubrirán catro do cinco ausencias "imprevistas" de médicos de Atención Primaria no centro de saúde do Grove, que afectaban ao persoal e á propia actividade asistencial do centro desde a pasada semana.

Coa xestión efectuada, o Sergas subliña que a área sanitaria mantén agora unha dotación de profesionais sanitarios para o centro de saúde grovense de sete médicos de familia, dous pediatras e sete efectivos de enfermaría.

Tamén lembrou que, polo incremento poboacional do turismo nesa área, cada verán desde o 1 de xullo o centro de saúde do Grove refórzase cun médico e un efectivo de enfermaría mais.

Este ano, a pesar da baixa de visitantes, o Sergas subliña que se mantivo dito reforzo, polo que, subliña, "actualmente cóntase cun médico e un enfermeiro máis".

AUSENCIAS "SOBREVINDAS"

Sobre as ausencias, indicou que no mes de xuño, cando xa estaban ofertadas as substitucións de vacacións, un dos médicos presentou unha incapacidade temporal, na que continúa actualmente --precisamente a este facultativo, no momento actual, corresponderíalle estar de vacacións--.

A semana pasada, outro dos facultativos que estaba a traballar no centro de saúde grovense tivo que ausentarse da actividade de maneira repentina por unha cuestión persoal urxente.

Engade que o pasado 12 de agosto non acudiu a traballar un dos médicos, anunciando esa mesma mañá que presentaría unha baixa laboral, polo que os seus pacientes --aos que non se lles puido atrasar a cita ou a súa asistencia ou valoración-- tiveron que ser atendidos polos médicos que quedaban no centro de saúde do Grove.

O Sergas engade que, ese mesmo día, sobre as 13,00 horas, outro facultativo notificou problemas de saúde e abandonou o seu posto de traballo, xerando que os seus pacientes fosen atendidos pola outra compañeira, quen, a súa vez, o 13 de agosto tampouco acode o seu posto de traballo, polo que tampouco se puido avisar aos pacientes que tiñan cita con ela, para darlles unha nova. O Sergas defende que traballou para cubrir as ausencias "sobrevindas" coa maior rapidez.

CESIÓN DUNHA PARCELA MUNICIPAL

No comunicado remitido aos medios, o Sergas tamén subliña que avala a iniciativa de ter un centro de saúde que "potencie a actividade de Atención Primaria" no Concello do Grove.

En todo caso, lembra que a política de construción de centros sanitarios por parte da Administración Sanitaria Pública galega supón a aceptación de parcelas que deben ser cedidas gratuitamente polos concellos e incide en que "non" recibiu por parte do Concello do Grove "ningunha proposta en firme e concreta".

Concello de O Grove
Concello de O Grove | Fonte: Galipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta