O PSdeG pide os datos dos rastreadores: "onde está Feijóo que antes saía en televisión máis que Gayoso?"

Torrado critica a "desaparición" de Feijóo tras gañar as eleccións e lamenta que diga que os médicos de familia e as persoas que traballan nun "call center" son rastreadores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2020 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O portavoz de Sanidade do PSdeG no Parlamento, Julio Torrado, demanda á Xunta que aclare cantos rastreadores de casos de coronavirus hai en Galicia, xa que "ninguén o sabe". 
En rolda de prensa este martes en Santiago, o deputado socialista lamentou que "ninguén sabe nada sobre a que é probablemente a figura máis importante na loita contra a COVID".  "Onde está Feijóo que antes saía en televisión máis que Gayoso?", pregúntase.

De feito, afea que Feijóo fale de máis de 6.000 rastreadores en Galicia e inclúa a "todos" os médicos de familia, porque "obviamente non o son", o cal tacha de "desvergoña". "É difícil cualificar de rastreador a alguén que non sabe que ten atribuída esa función", agrega.

Tamén se pregunta cantos rastreadores están destinados á área da Coruña, afectada polo maior número de casos actualmente, e se a Xunta considera rastreadores a persoas que traballan nun 'call center'.

Ademais, Torrado alerta de que "hai un déficit claro de información", "un problema de datos" ofrecidos por parte da Consellería de Sanidade, que non achega series e fai comparativas "terxiversadas" para unha lectura "máis positiva" das cifras. "Non se pode estar a enganar cunha cuestión así", advirte.

"DESAPARICIÓN" DE FEIJÓO

Nun contexto no que se vive unha situación "preocupante", en termos de contaxios "igual" que fai tres meses, Xullo Torrado afea a "desaparición" de Feijóo, pois "fai tres meses saía na televisión máis que Gayoso e agora case o fai menos que a oposición", o que considera "novo".

Nesta liña, recrimina que a Xunta leva seis semanas sen convocar o Centro de Coordinación Operativa (Cecop). Censura que o Executivo galego está "a velas vir" e sen unha actitude proactiva ante a pandemia. E é que Torrado di que "dá a sensación de que as decisións se tomaban de maneira diferente hai unhas semanas".

Portavoz de Sanidade do PSdeG, Xullo Torrado.. EUROPA PRESS - Arquivo
Portavoz de Sanidade do PSdeG, Xullo Torrado.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

EU DENUNCIA ESCURANTISMO DE FEIJÓO

Esquerda Unida (EU) denunciou este martes que o incremento de contaxios se sucede en Galicia mentres "se descoñece" o número de persoas que están a realizar o traballo de rastrexo na Comunidade, polo que censurou o "escurantismo" do Goberno de Alberto Núñez Feijóo.

EU sumouse así ás denuncias da comunidade sanitaria e reclamou que a Consellería de Sanidade "faga públicos os datos do número de persoas e con que formación están a realizar o proceso de rastrexo da COVID-19" nas contornas sociais.

"Que Galicia sexa a peor comunidade en canto ao rastrexo de casos, con ata un 73% de orixe descoñecida arroxa unha realidade moi preocupante e indica a ausencia de medios por parte da Xunta para levar a cabo este servizo", esgrimiu a coordinadora nacional de EU, Eva Solla.

"Feijóo afirma ter seis mil profesionais rastrexando, onde están? A realidade mostra que é imposible que ese dato sexa certo ou, pola contra, a Xunta facilitaría a información de quen son e onde están eses rastreadores", engadiu.

Á marxe de coñecer os datos, EU entende que é "imprescindible" que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareza publicamente e ofreza datos "claros" sobre o número de rastreadores en Galicia e como están a facer o seu traballo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta